RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor resucita nun ABANCA-RIAZOR entregado (2-1)

O Deportivo logrou a súa terceira vitoria consecutiva en LaLiga SmartBank ao dar a volta ao tanto inicial do Real Racing Club grazas aos goles das súas dúas últimas incorporacións, Sabin Merino e Emre Çolak, e a unha afección entregada, que se congregou en ABANCA-RIAZOR nun número próximo aos 20.000 espectadores, case 11.000 máis que no anterior encontro en casa.

Fernando Vázquez, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou no seu retorno ao banco deportivista, na pasada xornada ante o Numancia en Soria. Álex Bergantiños, Borja Valle e Víctor Mollejo, este último por acumulación de amoestacións, saíron do equipo para dar paso a Gaku Shibasaki, Mamadou Koné e Sabin Merino, que debutou así só 2 días despois de aterrar na Coruña.

Comezou con forza o Deportivo, que gozou de dúas accións a balón parado nas que estivo preto de inaugurar o marcador. A primeira, nun libre directo de Aketxe que buscaba a base do pau dereito do marco defendido por Luca Zidane, que reaccionou a tempo para rexeitar a pelota cara ao costado. A segunda, nunha falta lateral lanzada polo propio Aketxe, que cabeceou fóra Koné por culpa dun leve desvío dun defensor visitante, cando o gardameta do equipo cántabro saíra en falso e a portería estaba desguarecida. Non transcorreran nin 120 segundos desde o asubío inicial.

No minuto 10 chegou outra nova oportunidade, en botas de Peru. O mediocentro rematou alto despois de que Aketxe recollese un rexeite da defensa santanderina a centro de Salva Ruiz. O balón caeu no pé dereito do mediapunta, que preferiu cedelo ao seu compañeiro.

Con todo, o Racing adiantouse no seu primeiro disparo a portería, xusto cando se cumpría o cuarto de hora de partido. Álvaro Cejudo, cun potente lanzamento desde uns 25 metros, sorprendeu a Dani Giménez para poñer o 0-1.

Mediado o primeiro período, após unha falta ao bordo da área que Yoda estrelou na barreira e varios rexeites posteriores, Sergio Ruiz estivo a piques de facer o 0-2. O mediocentro racinguista desviou o balón cun suave toque co interior do seu talón, perdéndose por escasos centímetros á dereita do marco herculino.

Á media hora de xogo, Fernando Vázquez modificou o seu esquema de 3 centrais, para retirar do terreo de xogo a un deles, Montero, e dar entrada a Emre Çolak, de volta ao equipo un ano e medio despois da súa marcha ao fútbol saudita. Nada máis ingresar o turco no terreo de xogo, o Deportivo igualou a contenda, nun saque de esquina lanzado maxistralmente por Aketxe que cabeceou ao fondo das mallas o outro debutante, Sabin Merino.

O Dépor pasou entón a xogar con 4 defensas, con Peru e Gaku por diante, Aketxe e Çolak nas bandas e Koné e Sabin Merino en punta.

Os branquiazuis trenzaron a súa mellor combinación ao fío do descanso, nunha xogada con varias triangulacións entre Çolak, Aketxe e Koné, que acabou cun disparo raso do otomán que detivo Luca Zidane.

Tralo paso polos vestiarios, a saída do Deportivo na segunda metade asemellouse á do acto inicial. Dúas faltas colgadas á área por Aketxe levaron perigo ao portal de Luca Zidane, que se erixiu en salvador do seu equipo na terceira acción, unha cabezada de Koné a centro de Bóveda. O porteiro do conxunto cántabro atrapou a pelota milagrosamente.

No minuto 52 respondeu o Racing, cun durísimo disparo de Mario Ortiz que Dani Giménez detivo a pesar de ter multitude de xogadores diante entorpecendo a súa visión.

Instantes despois, o Deportivo adiantouse no marcador cun auténtico golazo de Emre Çolak, após unha longa acción de ataque do equipo coruñés. O turco iniciou a acción preto dos bancos e uns segundos máis tarde arrancou desde o extremo dereito un slálom, cano incluído, para acabar colocando o balón co seu pé esquerdo no pau contrario, lonxe do alcance do gardameta visitante.

Con todo, a alegría durou pouco, posto que Emre Çolak viu a segunda cartolina amarela após correr cara á bancada a abrazarse cos afeccionados de Pavillón Inferior. O turco fora amoestado uns minutos antes despois dun boureo e abandonou o céspede pedindo perdón mentres era ovacionado.

Aos branquiazuis quedáballes máis de media hora por diante en inferioridade numérica. O Racing tratou de madurar as súas situacións de gol, aínda que no primeiro cuarto de hora de superioridade numérica só puxo a proba a Dani Giménez con disparos lonxanos. Iso si, todos dirixidos entre os tres paus, obrigando sempre a intervir ao porteiro branquiazul.

A un cuarto de hora do final, David Rodríguez peiteou un centro desde a dereita de Aitor Buñuel. Dani Giménez, ben colocado, fíxose coa pelota. Pouco antes, Sabin Merino, absolutamente esgotado, non puido sentenciar o choque após roubar a carteira nun balón longo a Alexis. Co seu marcador no chan, disparou cando tiña todo a favor para coarse na área e encarar a Luca Zidane.

O dianteiro vasco deixou o seu sitio a Vicente Gómez, co que Aketxe pasou a xogar como futbolista máis adiantado, por diante dun mediocampo composto por Peru e Álex no eixo, axudados por Gaku e o canario nos costados. O mediapunta vasco tamén tivo as súas ocasións. Primeiro, ao contragolpe, pero elixiu disparar desde uns 20 metros e a pelota perdeuse por riba do traveseiro. Xa nos minutos finais, nun lonxano libre directo que se coaba pola escuadra cando Luca Zidane o rexeitou a córner.

Por parte do Racing, Papunashvili tentouno cun tremendo canonazo nun libre indirecto. Dani Giménez respondeu marabillosamente desviando a pelota o xusto a saque de esquina. O dianteiro xeorxiano tivo o empate na súa cabeza noutro córner, xa cando o reloxo apuntaba aos 3 minutos de tempo engadido sinalados polo cuarto árbitro. O seu remate estrelouse contra o lateral da rede da meta coruñesa. Con todo, o VAR aumentou o suspense dando aviso ao colexiado que, sen acudir á RRA, mandou sacar de porta e inmediatamente sinalou o final do encontro.

Con esta vitoria, o Deportivo abandona a última posición despois de 12 xornadas ocupándoa, e colócase a só 1 punto da 18ª posición.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Somma, Montero (Emre Çolak, min. 31), Salva Ruiz, Peru Nolaskoain, Gaku Shibasaki, Aketxe, Sabin Merino (Vicente Gómez, min. 79) e Koné (Álex Bergantiños, min. 67).

Real Racing Club de Santander: Luca Zidane, Aitor Buñuel, Alexis (Nico Hidalgo, min. 82), Jordi Figueras, Abraham, Mario Ortiz, Sergio Ruiz (David Rodríguez, min. 72), Yoda, Álvaro Cejudo, Lombardo e Jon Ander (Papunashvili, min. 62).

Goles: 0-1 Álvaro Cejudo (min. 15); 1-1 Sabin Merino (min. 32); 2-1 Emre Çolak (min. 54).

Árbitro: Ávalos Barrera (c. catalán). Expulsou por dobre amarela a Emre Çolak (min. 54). Cartón amarelo a Somma (min. 22), Sabin Merino (min. 50), Emre Çolak (min. 50), Yoda (min. 51), Koné (min. 58) e Bóveda (min. 90+1).

Incidencias: partido da 23ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.053 espectadores.