RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor sobrevive a La Rosaleda (0-0)

O Deportivo sumou un novo empate nun partido marcado pola enorme presión ambiental xerada pola afección do Málaga CF, no que se houbo un vencedor aos puntos foi o Deportivo que, sobre todo na segunda metade, xerou máis e mellores ocasións que o cadro malagueño.

Con respecto ao encontro da pasada xornada en ABANCA-RIAZOR fronte ao Nàstic, Natxo González realizou tres cambios. O técnico deportivista devolveu ao once titular a Domingos Duarte en lugar de Somma, a Diego Caballo no posto de Saúl e a Pedro Mosquera na posición do sancionado Didier Moreno.

Nos primeiros minutos de encontro ambos os equipos merodearon a área contraria en numerosas ocasións, pero sen chegar a poñer a proba nin a Dani Giménez nin a Munir Mohand.

O primeiro disparo a porta chegou no minuto 23. O seu autor foi Pedro Mosquera, que culminou un contragolpe conducido por Borja Valle e Fede Cartabia cun disparo lonxano que se marchou ás nubes. Pacheco tentouno por primeira vez para o conxunto local no minuto 27, co mesmo resultado. Á media hora foi Edu Expósito o primeiro en colocar un balón entre os tres paus, ao cabo dunha longa xogada posterior a un saque de esquina a favor dos branquiazuis. O disparo do centrocampista catalán, centrado, atallouno Munir con facilidade.

A mellor ocasión da primeira metade tívoa nas súas botas Borja Valle. O berciano rematou con pouca forza e á dereita da portería local un centro de Fede Cartabia desde o extremo dereito, despois dunha fenomenal triangulación entre David Simón, Edu Expósito e o arxentino.

Cando estaba a piques de cumprirse o minuto 45, os xogadores do Málaga e toda La Rosaleda reclamaron penalti por man de David Simón nun remate de volea de Pacheco. O lateral canario tiña o brazo completamente pegado ao corpo e o colexiado, con bo criterio, non sinalou nada.

Co empate sen goles chegouse ao descanso, tralo que non se produciron modificacións en ningún dos dous onces.

No minuto 49 tivo o Málaga a súa mellor ocasión, despois de que Dani Giménez, ao botarlle o balón xusto diante cadro trataba de despexalo, deixáseo en pés de Branco Leschuk que, só ante o porteiro deportivista, non soubo definir. Dani Giménez adiviñou a súa intención nunha especie de penalti en movemento e, lanzándose cara á súa dereita, desbaratou a oportunidade local.

Pasou 10 minutos de apuros o conxunto coruñés, pero recuperou as constantes vitais. No minuto 58, Borja Valle tentou sorprender a Munir cun duro disparo cruzado, pero o porteiro hispano-marroquí detivo o coiro.

Dez minutos máis tarde, o Deportivo gozou dunha nova ocasión clara, nunha gran acción individual de Edu Expósito que, na media lúa, cedeu cara á súa dereita para Fede Cartabia. O arxentino, con todo a favor pero coa súa perna mala, disparou moi desviado.

Até o minuto 77, de novo após outros 10 minutos, non volveu producirse outra oportunidade. Nesta ocasión foi Quique o que correu ao contragolpe. O máximo goleador branquiazul perfilouse para poder disparar coa súa perna boa e soltou un duro zurdazo cruzado ante o que de novo reaccionou con acerto o gardameta malagueño.

No minuto 81, Borja Valle tivo na súa bota esquerda a mellor oportunidade de todo o encontro. O dianteiro quedou só ante Munir após un sutil toque de Domingos Duarte na segunda xogada dun saque de esquina. O porteiro do conxunto andaluz sacou a súa man dereita para evitar un gol cantado.

Por entón, o Deportivo dominaba xa con claridade o encontro, até o punto de que o apoio incondicional da afección malaguista tornouse en rumor e mesmo algúns pitos por uns instantes, xusto despois dunha nova acción de ataque coruñesa. David Simón penetrou pola dereita, cedeu para Edu Expósito e o volante estrelou o seu remate ás portas da área grande contra as pernas de Diego González.

Pouco despois respondeu un aparvado Málaga, cun potentísimo lanzamento de Ricca que Dani Giménez puido desviar a saque de esquina.

Apertou moito máis La Rosaleda que os once xogadores rivais nos minutos finais, nos que o Dépor mantivo a compostura para sumar un punto máis, co duodécimo empate da temporada, que serve para alcanzar os 48 puntos despois de 27 partidos, a 3 do líder Osasuna e a 2 do segundo clasificado, o Albacete.

Málaga CF: Munir, Iván Rodríguez, Diego González, Pau, Ricca, Pacheco (Renato Santos, min. 79), N'Diaye, Keidi Bare, Iván Alejo (Harper, min. 84), Adrián e Blanco Leschuk (Seleznov, min. 60).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Vicente Gómez, min. 68), Fede Cartabia (Pedro, min. 74), Quique e Borja Valle (Somma, min. 90).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Cartón amarelo a Álex Bergantiños (min. 16), Pacheco (min. 19), Pedro Mosquera (min. 33), Ricca (min. 45), Diego González (min. 61), Keidi Bare (min. 62) e N'Diaye (min. 78).

Incidencias: partido correspondente á 27ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio de La Rosaleda ante 22.414 espectadores.