RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor suma un punto no Nuevo Arcángel para seguir na pelexa (1-1)

O Deportivo sumou un punto que sabe a pouco na súa visita ao Novo Arcanxo após adiantarse no marcador, nun partido que se torceu a balón parado e que puido quedar marcado pola discutible decisión do árbitro de non expulsar ao cordobesista Ekaitz Jiménez.

Óscar Cano, preparador deportivista, realizou tres cambios con respecto ao once inicial que presentou o pasado domingo ante o AD Ceuta FC en ABANCA-RIAZOR. Raúl Carnero regresou ao lateral esquerdo en detrimento de Orest Lebedenko, mentres que na zona ofensiva, Kuki Zalazar e Arturo ocuparon as posicións de Rubén Díez e Lucas.

O Deportivo completou unha boa primeira metade, que comezou dominando con claridade, na que dispuxo de máis e mellores ocasións e na que se adiantou no marcador.

A primeira ocasión branquiazul chegou no minuto 5, após unha gran parede entre Mario Soriano e Quiles dentro da área que acabou con disparo bombeado desde a mesma liña de fondo do dianteiro andaluz. A pelota foise a córner despois de desviala o porteiro local e de golpear na parte superior do traveseiro. Dous minutos despois, o propio Quiles probou fortuna cun disparo afastado e raso que atrapou con seguridade Carlos Marín.

O primeiro achegamento do equipo local chegou nunha volea moi desviada de Willy Ledesma a centro ao segundo pau de Carracedo, no minuto 8. Dous máis tarde, Carlos Marín interveu providencialmente para desviar a córner unha cabezada de Quiles no segundo pau a centro de Raúl Carnero.

No minuto 13, Javi Flores tentou sorprender a Mackay desde o bordo da área, pero o seu potente dereitazo perdeuse por riba do traveseiro.

Despois duns minutos de alternativas e sen chegadas, o Deportivo logrou adiantarse no marcador cando corría o minuto 26. Quiles, chegando desde atrás, cabeceou ao fondo das mallas unha sensacional asistencia de Mario Soriano, nun centro picado. O pichichi deportivista sumou o seu tanto número 15 na presente campaña.

O Córdoba CF tentou dar un paso adiante, pero o Deportivo, aínda que perdeu mordente en ataque, soubo conter as acometidas do rival. Até o descanso, unicamente viuse claramente ameazado no minuto 39, cando Mackay despexou a córner un centro-chute de Javi Flores que se coaba polo recanto do segundo pau.

A segunda metade tivo máis cor verdibranca desde o seu inicio. Xa no minuto 47, Alberto cabeceou por riba do traveseiro un córner lanzado desde a dereita do ataque local. No 59, nunha falta colgada á área, Mackay despexou de puños, o balón golpeou nas costas de De las Cuevas e introduciuse na portería coruñesa. Foi o tanto do empate para un Córdoba CF que levaba moitos minutos empuxando e que tivo a oportunidade de dar a volta ao marcador só uns segundos despois. Carracedo quedou só ante Mackay nun contragolpe de clara superioridade numérica cordobesa pero o porteiro coruñés rexeitou o seu disparo.

No minuto 64 chegou a xogada que puido cambiar o rumbo do partido. Ekaitz Jiménez incomprensiblemente viu só cartón amarelo após propinar, obviamente sen intención, unha patada na cara a Quiles, que se acababa de levar o balón coa súa cabeza e enfilaba en vantaxe a área local. O cordobesista continuou no campo, cousa que non puido facer o dianteiro branquiazul, que debeu ser substituído por Svensson.

O Dépor gozou dalgúns achegamentos claros, pero sen chegar a finalizar xogada, como un remate de Mario Soriano desviado por un defensa que acabou a pés de Svensson, en posición de fóra de xogo.

O Córdoba CF tentouno de mil maneiras, pero a súa mellor ocasión foi un dereitazo desde o bordo da área de José Ruiz ao que respondeu Mackay en dous tempos, no minuto 72.

Por parte deportivista, o único remate a portería saíu de pés de Raúl Carnero, que no minuto 85 empalmou coa súa bota esquerda chegando desde atrás un centro de Antoñito desde a liña de fondo que Carlos Marín atrapou en dous tempos.

Pese ao arreón final do Córdoba CF, nada máis ocorreu nos 7 minutos de tempo de engadido e o encontro finalizou, como na ida en ABANCA-RIAZOR, con táboas no marcador.

Deste xeito, o Dépor alcanza os 62 puntos, na terceira praza, empatado co cuarto clasificado, o Racing de Ferrol, que o mércores debe finalizar o seu partido suspendido precisamente en campo do Córdoba CF. Por diante, o AD Alcorcón, que o vindeiro sábado visitará ABANCA-RIAZOR, con 66 puntos, e o Real Madrid Castilla, con 65. A pesar de sumar soamente 3 dos últimos 15 puntos en xogo lonxe da Coruña, os branquiazuis seguen a tiro de pedra da primeira posición.

Córdoba CF: Carlos Marín, José Ruiz, Alonso, Alberto, Ekaitz Jiménez (Calderón, min. 81), Carracedo, Javi Flores (Armando Shashoua, min. 81), Caballero, Kike Márquez (Simo, min. 64), Casas (De las Cuevas, min. 56) e Willy Ledesma (Juan Villar, min. 81).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Jaime, Pablo Martínez, Raúl Carnero, Diego Villares, Isi Gómez (Olabe, min. 54), Quiles (Svensson, min. 67), Kuki Zalazar, Mario Soriano e Arturo (Rubén Díez, min. 67).

Goles: 0-1 Quiles (min. 26); 1-1 De las Cuevas (min. 59).

Árbitro: Fernández Vidal (c. valenciano). Cartón amarelo a Isi Gómez (min. 33), Kike Márquez (min. 40), Antoñito (min. 58), Ekaitz Jiménez (min. 64), Mario Soriano (min. 68), Alberto (min. 68) e o suplente deportivista Lapeña (min. 75).

Incidencias: partido da 34ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Nuevo Arcángel ante 12.453 espectadores.