RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo ABANCA recupera a Cris para o partido este sábado en Buñol ante o Levante UD

O Deportivo ABANCA recupera a Cris para visitar ao Levante UD na Ciudad Deportiva de Buñol este sábado 14 de novembro a partir das 16:00 horas (Gol). Manu Sánchez leva a Valencia a 18 futbolistas, entre as que se atopa a canteirá Eva Dios.

Peke, Kenni e Lady Andrade son baixa por lesión para este encontro correspondente á 8ª xornada na Primera Iberdrola, tal e como confirmou Manu Sánchez esta tarde en rolda de prensa. Alegrouse o técnico deportivista de que Peke "fixese parte do adestramento hoxe. Ten boa pinta". Pola súa banda, en referencia a Lady Andrade, comentou o adestrador branquiazul que sofre "unhas molestias no xeonllo".

O Dépor ABANCA tiña programado partido ante o Rayo Vallecano onte mércores, pero o Xuíz de Competición da Real Federación Española de Fútbol atendeu a solicitude do conxunto madrileño para o adiamento do devandito encontro correspondente á 7ª xornada ligueira.

Un caso positivo por COVID-19 detectado no Rayo Vallecano e os dez días de illamento que deben cumprir os cinco contactos estreitos do devandito positivo dentro do cadro motivaron esta solicitude, finalmente concedida.

Manu Sánchez dirixirá mañá venres á mesma hora do partido, 16:00 horas, unha última sesión de adestramento na Cidade Deportiva do Levante UD, en Buñol.

Haberá reencontro con outra ex deportivista, María Méndez, agora defendendo as cores granotas do Levante UD: "Á parte de ser unha nena entrañable, pasou connosco só un ano pero coñecémola desde anos atrás, que xa a seguiamos. O ano pasado foi moi bonito para todos nós e ela formou parte importante como as 23 que estabamos. Auguro que máis temperán que tarde acabará na selección nacional. Ten todas as condicións para ser unha central de altísimo nivel. E ela é moi disciplinada tanto traballando como no adestramento invisible. Estamos moi contentos por ela de que estea nun gran club, de que lle vaia ben todo. Imos desexarlle que o sábado palme, evidentemente".

Ao finalizar o encontro, o Dépor ABANCA pasa a noite en Valencia e regresará o domingo ao mediodía á Coruña. O cadro regresará aos adestramentos o martes 27 ás 17:30 en Abegondo.

O plan de viaxe do Dépor ABANCA é o seguinte:

Venres 13 de novembro
10:35: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Valencia
12:15: Chegada aproximada a Valencia e traslado ao hotel Valencia Congress
16:00: Adestramento na Ciudad Deportiva de Buñol

Sábado 14 de novembro
16:00: Levante UD - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva de Buñol

Domingo 15 de novembro
14:10: Saída do voo de Valencia con destino Santiago
15:40: Chegada aproximada a Galicia