RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo deixa escapar vivo ao Cádiz (1-1)

O Deportivo empatou no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Cádiz CF un partido que tivo controlado e gañado durante moitos minutos, pero que o conxunto andaluz igualou no tramo final.

O técnico deportivista, José Luis Martí, realizou unha soa modificación con respecto ao once que presentou na vitoria da pasada xornada en Zaragoza. Matías Nahuel entrou en lugar de Borja Valle.

Nos primeiros minutos de xogo ambos os equipos demostraron claramente as súas intencións. O Deportivo, a de mandar no xogo e elaborar as súas ocasións de ver portería. O Cádiz, a de defender xunto e tratar de aproveitar calquera imprecisión coruñesa para saír con todo ao contragolpe.

No minuto 12 chegou o primeiro disparo con certo perigo do encontro. Edu Expósito viu perfectamente a incorporación de Eneko Bóveda. O mediocentro púxoa perfecta e o lateral, chegando desde atrás, cabeceou con potencia pero ás mans de Cifuentes.

Xusto cando se cumpría a media hora, o Cádiz gozou da súa primeira opción, nun libre directo lanzado polo seu especialista, Aketxe. Dani Giménez voou cara á súa dereita para rexeitar o esférico.

Ante o tupido armazón defensivo visitante, o Deportivo non trenzou unha xogada elaborada até o minuto 40. E cando o fixo, lamentablemente topouse co traveseiro. Saúl, Edu Expósito e Nahuel combinaron con velocidade nas inmediacións da área, para atopar a Cartabia dentro dela. O arxentino serviu para a chegada desde atrás de Carlos Fernández, que se sacou un zurdazo que deixou tremendo o traveseiro.

Pouco despois, o Deportivo lograba adiantarse no marcador. Bóveda recuperaba un balón en tres cuartos e servía un preciso centro pasado, que Quique buscou lanzándose ao chan con todo para anticiparse a Cifuentes e perforar a portería andaluza. Foi o tanto número 16 do goleador castelán na presente edición de LaLiga 1|2|3.

No tempo engadido, Fede Cartabia tivo a ocasión de ampliar distancias nun contragolpe no que quedou, aínda que con Sergio Sánchez encima, man a man co porteiro visitante. O arxentino quixo picala sobre un descolocado gardameta cadista pero impactou mal co coiro, que acabou chegando mansamente ás mans de Cifuentes.

Comezou o Cádiz a segunda parte con outra actitude. Froito diso, puxo a proba a Dani Giménez en dúas ocasións antes do minuto 49: na primeira, nun disparo con efecto de Machís, ao que respondeu fenomenalmente o porteiro deportivista; na segunda, atrapou a pelota a tiro, moi escorado e bombeado, de Aketxe, que se envelenou ao rozar en Saúl.

Preto da hora de xogo, o Deportivo soltouse cunha boa chegada pola esquerda. Quique non puido anticiparse con claridade no primeiro pau a Sergio Sánchez, após centro por baixo de Saúl.

O Cádiz moveu ficha e cun dobre cambio pasou a xogar con dous dianteiros: David Querol e Jovanović, pasando Jairo a xogar como lateral esquerdo.

Á hora de xogo, Aketxe estrelou un libre directo nun compañeiro que se incrustou na barreira deportivista. O rebote caeu ao seu compañeiro Álex Fernández, que empalmou un dereitazo cruzado que se perdeu á dereita do portal herculino.

A pouco máis de dez minutos para o final, o Cádiz logrou o empate. David Querol quedou man a man con Pablo Marí que, ameazado por un cartón da primeira parte, tratou de non frearlle en falta. O dianteiro visitante internouse na área e, xusto antes de que chegase ao cruce Domingos Duarte, soltou un zapatazo imposible para Dani Giménez.

O Dépor reaccionou rapidamente. Primeiro, Bóveda concluíu unha boa combinación en ataque cun zurdazo alto no minuto 80. Tres máis tarde, Cifuentes evitou o gol sobre a mesma liña cunha man inverosímil a cabezada de Carlos Fernández.

No minuto 87 produciuse unha ocasión en cada portería. Primeiro, na do Cádiz, Quique viu como un defensa se cruzaba no seu disparo a gol após sentar a outro para perfilarse cara á súa perna boa. No contragolpe, en inferioridade deportivista, David Querol tentou sorprender a Dani Giménez de lonxe. O disparo buscaba a cepa do pau dereito do portal coruñés, pero o gardameta branquiazul reaccionou acertadamente.

A pesar dos intentos deportivistas por desequilibrar a balanza de novo, o marcador non se moveu. Con este novo empate, o Deportivo alcanza os 61 puntos, que lle valen para ocupar posición de playoff, aínda que con só 2 de vantaxe sobre o Málaga, que xoga mañá luns ante o Real Oviedo o seu partido correspondente a esta 38ª xornada.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Fede Cartabia (Borja Valle, min. 76), Álex Bergantiños, Edu Expósito, Nahuel (Pedro, min. 59), Carlos Fernández e Quique.

Cádiz CF: Cifuentes, Rober Correa, Sergio Sánchez, Kecojević, Matos (Jovanović, min. 55), Álex Fernández, José Mari (Edu Ramos, min. 89), Machís, Aketxe, Manu Vallejo (David Querol, min. 55) e Jairo.

Goles: 1-0 Quique (min. 43); 1-1 David Querol (min. 78).

Árbitro: Soto Grado (c. rioxano). Cartón amarelo a Rober Correa (min. 9), Pablo Marí (min. 28), Nahuel (min. 45), Matos (min. 52) e Fede Cartabia (min. 59).

Incidencias: partido correspondente á 38ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.534 espectadores.