RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo revive en plena agonía (1-0)

O Deportivo quedou os 3 puntos fronte ao Mallorca nun choque trepidante, que dominou totalmente na súa primeira metade, que converteu nunha toma e daca na segunda mercé aos cambios ofensivos de José Luis Martí e que acabou decidindo cando o partido agonizaba, grazas a un penalti de Valjent sobre Nahuel que anotou Carlos Fernández e tralo cal o colexiado sinalou o final.

O preparador deportivista realizou un só cambio con respecto ao once que presentou na pasada xornada fronte ao CD Lugo. Nesta ocasión, Nahuel quedou no banco para deixar o seu sitio a Borja Valle.

Após un primeiro achegamento branquiazul nun centro duro e raso de Saúl que atrapou Manolo Reina, o Mallorca acariñou o primeiro gol do encontro, nun córner botado en curto, que colgou Lago Junior ao segundo pau, onde apareceu Estupiñán para rematar ao lateral da rede.

Non se amedrentou o Deportivo, que no minuto 6 tentouno nun disparo de Carlos Fernández desde o bordo da área. O esférico marchouse por riba do traveseiro.

No minuto 16, Borja Valle non puido precisar unha cabezada chegando desde atrás nun córner lanzado por Fede Cartabia. A zaga visitante rexeitou en curto e o balón caeu a pés de Quique, que rematou mordido e, ademais, o seu disparo golpeou nun rival antes de perderse pola liña de fondo cara a un novo saque de esquina.

Mediado o primeiro tempo, o Deportivo engarzou unha boa xogada polo extremo esquerdo, que finalizou cun durísimo centro de Carlos Fernández. A Manolo Reina escapóuselle a pelota pero ningún dianteiro deportivista atopábase nas inmediacións da área pequena. A zaga balear abortou o perigo.

Por entón, atravesaba o Deportivo os seus mellores minutos. Bóveda gañou o salto de cabeza a Raíllo pero a súa cabezada a centro de Saúl sacouna a córner o porteiro visitante. Pouco despois, Fede Cartabia recortou cara a dentro, para soltar un zurdazo colocado, buscando con moita intención o pau máis afastado. Manolo Reina de novo estirouse para sacar o balón cara á súa dereita coas palmas das mans.

Bóveda gozou doutra clara ocasión no minuto 38, cando se plantou só ante o porteiro mallorquinista após un pase en diagonal de Edu Expósito que deixou pasar Fede Cartabia para deixar unha autoestrada á incorporación do lateral dereito. O vasco disparou con forza antes de que Raíllo chegase ao corte, pero Manolo Reina respondeu pleno de reflexos para rexeitar o coiro.

O marcador non se moveu antes do descanso. Tralo mesmo, saltaron ao terreo de xogo os mesmos protagonistas.

Salva Sevilla buscou sorprender nun saque de esquina en curto. Buscou o 2 contra 1 ante Edu Expósito. O seu disparo, duro pero centrado, detívoo sen apuros Dani Giménez. O electrónico sinalaba o minuto 48 de encontro.

O Dépor non disparou con perigo até 10 minutos despois, nun contragolpe conducido por Fede Cartabia e finalizado cun pase atrás de Quique para o remate de Borja Valle desde a frontal da área. O balón fixo saltar as botellas de auga e a toalla que Manolo Reina tiña no costado do pau dereito da súa portería. Pouco despois, Fede Cartabia fixo lanzarse ao chan ao porteiro mallorquinista nunha acción similar, nesta ocasión a pase de Saúl.

Respondeu o Mallorca no minuto 64, nun potente disparo de Abdón Prats que, co balón coándose entre moitas pernas, dificultou a reacción de Dani Giménez. O porteiro deportivista puido poñer as luvas para polo menos rexeitar a pelota. A defensa afastou despois o perigo. Dous minutos máis tarde, o porteiro branquiazul rexeitou a córner un remate co pé esquerdo de Budimir a centro ao primeiro pau de Lago Junior.

O dianteiro croata repetiu acción no minuto 73. Nesta ocasión rematando por alto. De novo, Dani Giménez estivo impecable para desviar o xusto o balón a saque de esquina.

José Luis Martí puxo toda a carne no asador. Christian Santos entrou por Borja Valle e Vicente Gómez en lugar de Álex Bergantiños. O Dépor pasou a xogar practicamente con 4 dianteiros, con Quique aberto á esquerda, Fede Cartabia á dereita, Santos como referencia e Carlos Fernández por detrás del. Ademais, con dous mediocentros ofensivos como Vicente Gómez e Edu Expósito por diante da defensa.

No minuto 76, Dani Giménez interveu de novo decisivamente nunha cabezada de Valjent ao saque dunha falta lateral.

Vicente Gómez tivo nas súas botas o tanto da vitoria, nun centro de Saúl que quedou un pouco curto. O canario enganchou a bóla coa súa perna boa. Con Manolo Reina facendo a estatua, a pelota escapouse lamendo o pau dereito da portería balear. Corría o minuto 86.

Xa no tempo engadido, co Deportivo envorcado, Estupiñán tivo unha ocasión clarísima para dar os tres puntos ao Mallorca, pero enviou o balón ás nubes cando se quedou só ante a portería coruñesa.

No cuarto minuto de engadido, os branquiazuis colleron aberta á zaga mallorquinista. Christian Santos serviu en profundidade para a carreira de Nahuel, que se anticipou polos pelos a Valjent e, cando o defensa eslovaco tentaba despexar, o que fixo foi impactar co extremo branquiazul. O colexiado non dubidou en sinalar o punto de penalti. Desde o mesmo, uns cuantos minutos despois da sinalización, Carlos Fernández encargouse de bater a Manolo Reina para, co seu oitavo gol en LaLiga 1|2|3, dar 3 puntos de ouro aos branquiazuis na súa loita por entrar no playoff de ascenso. Acto seguido, o árbitro indicou o final do partido, coma se fose unha chiscadela ás continuas perdas de tempo do Mallorca durante todo o segundo período.

Con esta vitoria, o Deportivo mantén a sétima praza da clasificación, pero a 1 punto do Cádiz CF, a 3 do RCD Mallorca e a 4 do Málaga CF.

Ao Dépor quédalle visitar ao Elche CF e recibir ao Córdoba CF. O Cádiz CF recibe ao Extremadura UD e viaxa a Xixón para enfrontarse ao Sporting. O RCD Mallorca ten que xogar contra o Granada CF en Son Moix e viaxar a Almendralejo para medirse ao conxunto estremeño. O Málaga CF vai a Albacete e mídese ao Elche CF en La Rosaleda.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Fede Cartabia, Álex Bergantiños (Vicente Gómez, min. 74), Edu Expósito, Borja Valle (Christian Santos, min. 71), Carlos Fernández e Quique (Nahuel, min. 82).

RCD Mallorca: Manolo Reina, Joan Sastre, Valjent, Raíllo, Estupiñán, Pedraza (Baba, min. 80), Aridai Cabrera (Abdón Prats, min. 56), Salva Sevilla, Dani Rodríguez, Lago Junior e Budimir (Àlex López, min. 74).

Gol: 1-0 Carlos Fernández (min. 90+6).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Cartón amarelo a Fede Cartabia (min. 50), Domingos Duarte (min. 76), Pablo Marí (min. 88), Àlex López (min. 90+4), Raíllo (min. 90+4) e Edu Expósito (min. 90+5).

Incidencias: partido correspondente á 40ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 13.585 espectadores.