RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O empate máis doce (0-0)

O Deportivo colleitou en Elxe o seu empate máis doce, nun partido no que desperdiciou infinidade de ocasións nun gran segundo tempo para lograr un punto que fixo bo a derrota do Cádiz CF ante o Extremadura UD, que fai que os branquiazuis dependan de si mesmos na última xornada para lograr un boleto no playoff de ascenso a LaLiga Santander.

O preparador deportivista realizou un só cambio con respecto ao once que presentou na vitoria ante o Real Mallorca. Nesta ocasión, o lesionado Quique deixou o seu sitio a Pedro, o que provocou ademais un cambio posicional. Borja Valle, que ante os baleares xogou en banda, pasou a ocupar un posto na dianteira xunto a Carlos Fernández.

O Elche arrancou un pouco máis atrevido que os branquiazuis. Froito diso, disparou á portería coruñesa en dúas ocasións antes do minuto 10. Primeiro, nun lanzamento de Nino que se marchou a saque de esquina após golpear a pelota en Pablo Marí. Pouco despois, un disparo con efecto de Josan escapouse lambendo o pau esquerdo do portal deportivista.

O primeiro achegamento claro do Dépor produciuse no minuto 18. Fede Cartabia recolleu un envío longo no extremo dereito, contemporizou para esperar a chegada da segunda liña, onde apareceu Edu Expósito. O dereitazo do mediocampista branquiazul foise ás nubes.

De novo Edu Expósito foi protagonista no minuto 21. Dani Giménez lanzou un contragolpe para Pedro, que conduciu máis de 50 metros, nunha acción en vantaxe, en 3 contra 2. O alacantino abriu á dereita para Edu Expósito, que quixo bater a José Juan por baixo das pernas. O porteiro franxiverde reaccionou para desviar o xusto a córner.

A segunda metade do primeiro período desenvolveuse sen apenas accións de ataque dignas de mención. Cun xogo máis trabado, con máis faltas e coas primeiras cartolinas do encontro.

Ao fío do descanso trenzaron os branquiazuis unha sensacional acción de ataque, que abortou en última instancia Dani Calvo, anticipándose na área pequena á chegada de Carlos Fernández ao pase da morte de Pedro. No córner, Domingos Duarte gañou o salto á retagarda local pero a súa cabezada foise desviada pola liña de fondo.

Nada máis comezar a segunda metade, Fede Cartabia estrelou un centro-chute na parte superior do traveseiro. E no minuto 50, Pedro tentouno, aínda que desde moi lonxe, após unha boa combinación na medular. José Juan atrapou a pelota sen problemas.

Volveu atacar con convicción o Deportivo por medio de Carlos Fernández. O dianteiro andaluz foi perfilándose aos poucos con varios recortes para acabar rematando desde o bordo da área buscando o pau máis afastado. Con todo, o disparo non lle saíu esquinado, atrapándoo con facilidade o porteiro local. Corría o minuto 54. Dous máis tarde, repetiu intento, nesta ocasión nunha cabezada a centro de Pedro.

Sucedéronse as ocasións branquiazuis entre os minutos 56 e 59. Primeiro por medio de Borja Valle, noutra cabezada que desbaratou José Juan en dous tempos. Despois, nun zurdazo de Carlos Fernández que rexeitou o gardameta local a saque de esquina. E para acabar, no mesmo córner, Domingos Duarte non foi capaz de impactar de cheo no esférico, cando se atopaba totalmente só dentro da área pequena.

O Elche sacudiuse o dominio e acariñou o gol nun disparo lonxano de Alexander González, no minuto 60. A pelota perdeuse non demasiado lonxe do poste dereito do marco de Dani Giménez.

Pero o Dépor seguiu mandando. No minuto 63 produciuse unha tripla oportunidade nun córner. Carlos Fernández cabeceou ao traveseiro. O rexeite caeu a pés de Fede Cartabia, que conectou un zurdazo que sacou Gonzalo Verdú baixo paus con José Juan batido. De novo a pelota caeu a un deportivista, Pablo Marí, cuxa bate tamén co pé esquerdo perdeuse á esquerda do portal ilicitano.

Despois de moitos minutos sen achegarse ao gol, volveu roldalo o Dépor no minuto 82. Fede Cartabia recibiu en carreira polo extremo esquerdo, antes de soltar un potente zurdazo que, unha vez máis, rexeitou José Juan. Acto seguido, un centro-chute de Saúl que superou ao porteiro local despexouno Manu practicamente sobre a liña de gol.

No minuto 88, de novo dobre oportunidade branquiazul. Christian Santos internouse na área, recortou a José Juan pero o seu disparo coa bota dereita sacouno baixo paus, outra vez, Gonzalo Verdú. O rexeite foi cara a Pedro, que apenas puido colocar a súa coxa para impactar no esférico, que se perdeu por moi pouco por riba do traveseiro.

Os minutos finais xa se desenvolveron con todo o mundo pendente do resultado que se producía no Ramón de Carranza, onde o Cádiz CF perdía ante o Extremadura UD. Co asubío final en ambos os campos, os branquiazuis celebraron que este punto, unido á derrota gaditana, failles depender de si mesmos na 42ª e última xornada, o vindeiro sábado ante o Córdoba CF (20:30 horas) en ABANCA-RIAZOR, para lograr un dos 4 billetes que dan dereito a seguir xogando pola terceira e última praza de ascenso a LaLiga Santander.

Elche CF: José Juan, Alexander González, Gonzalo Verdú, Dani Calvo, Manu, Karim Azamoum, Javi Flores (Nacho Ramón, min. 72), Iván Sánchez, Nino (Nacho Gil, min. 78), Josan e Carlos Castro (Xavi Torres, min. 57).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Pedro, Álex Bergantiños (Vicente Gómez, min. 77), Edu Expósito, Fede Cartabia (Christian Santos, min. 83), Borja Valle (Nahuel, min. 68) e Carlos Fernández.

Árbitro: Ávalos Barrera (c. catalán). Cartón amarelo a Domingos Duarte (min. 28), Karim Azamoum (min. 33), Dani Calvo (min. 35), Gonzalo Verdú (min. 52) e Nacho Gil (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 41ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio Manuel Martínez Valero ante 5.914 espectadores.