RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O equipo necesitaba un partido así", di Edu Expósito en referencia ao triunfo ante o Albacete

Edu Expósito manifestou ante os medios de comunicación, após recibir o trofeo que o acredita como Xogador Estrella Galicia do mes de decembro, que, trala derrota en Mallorca, o Deportivo "mostrou a súa mellor versión" o pasado domingo ante o Albacete Balompié en ABANCA-RIAZOR.

Non cre que houbese nervios no vestiario nos días previos ao partido co conxunto manchego, pero "si esa tensión pola derrota en Mallorca. O equipo estivo á altura".

É máis, confesa que "nos sentimos sempre seguros pero despois do domingo, a cousa cambia un pouco".

Nesta liña, apunta que o Dépor "necesitaba un partido así. Dominamos o partido de principio a fin. É unha vitoria moi importante para nós".

Recalca sobre o novo sistema empregado por Natxo González que "variantes sempre imos ter. É importante que gañemos con outro estilo".

A nivel persoal, Edu di atoparse "ben, coa confianza que me vén dando o adestrador. Hai que seguir así nesta liña para tentar axudar ao equipo".

Na súa primeira temporada no fútbol profesional após subir este verán do Fabril, recoñece que "non sabía como ía ser. E a verdade é que está a saír todo como podía preveer".

Agora, ante o encontro do próximo domingo 27 de xaneiro en El Molinón ante o Sporting de Gijón (18:00 horas, Movistar Partidazo), Edu Expósito confirma que o reto é tentar xogar fóra como en ABANCA-RIAZOR: "Si. Desde hoxe preparar os adestramentos para chegar ao partido o mellor posible". "O equipo está ben para poder empezar a conseguir os 3 puntos fóra de casa tamén", advirte.

Espera que o deportivismo, presente en El Molinón con 1.100 afeccionados, "axúdenos moito para conseguir gañar e traernos os 3 puntos a casa".

Vaticina unha segunda volta "moi dura, moi esixente. Imos ter que estar con todos os sentidos postos en cada partido".