RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Numancia estraga o aniversario branquiazul (2-2)

A pesar de que mandaba por 2-0 á media hora de partido, o Deportivo non puido celebrar os seus 112 anos de vida cun triunfo, xa que o Numancia igualou o encontro con dous goles na segunda parte.

O adestrador deportivista, Natxo González, realizou tres cambios, un por liña, con respecto ao once inicial que presentou o pasado domingo no Cerro del Espino. Domingos Duarte regresou no centro da zaga, após cumprir sanción, en lugar de Michele Somma. En mediocampo, Vicente Gómez recuperou o seu posto en detrimento de Didier Moreno. En ataque, Borja Valle ocupou a posición do lesionado Carlos Fernández.

Saíu o conxunto branquiazul coa intención de facerse coa pelota e dominar ao seu rival. Após varios achegamentos á área soriana, no minuto 7 chegou a primeira oportunidade clara. Saúl centrou desde a esquerda buscando a chegada ao segundo pau de Edu Expósito. O centrocampista gañou o salto ao seu marcador, pero o seu croque perdeuse á esquerda da portería castelá.

Segundos despois, unha nova xogada trenzada pola esquerda finalizou cun remate de Carles Gil, en posición clara, que se foi moi por encima do traveseiro.

O Dépor esmagaba ao seu rival, cun 70 por cento de posesión, e no minuto 10 gozou de dúas novas oportunidades para perforar o portal de Juan Carlos. Na primeira, Quique bateu con violencia un fenomenal servizo de Edu Expósito, que se atopou co porteiro visitante. Na segunda, non perdoou Edu Expósito para pór o 1-0, cun inapelable zurdazo por alto, chegando desde atrás, despois doutro centro por baixo de Saúl que desviou o xusto Borja Valle para que caese perfecto a pés do goleador.

O Numancia espertou entón e gozou dunha clara ocasión no minuto 12, cando Yeboah, só ante Dani Giménez, rematou forte por baixo após un longo saque de banda no extremo dereito. O porteiro branquiazul respondeu perfectamente, atallando o coiro.

O encontro equilibrouse moito máis no tramo central do primeiro período, até o punto de que a posesión pasou a mans do Numancia, cun 53 por cento ao seu favor ao paso polo ecuador do acto inicial.

Con todo, un grave erro de Diamanka nun pase cara atrás, cando o reloxo alcanzaba o minuto 29, converteuno Borja Valle no 2-0. O dianteiro berciano controlou a pelota, só ante Juan Carlos pero escorado cara á dereita, e cun dereitazo cruzado ao poste contrario asinou a súa terceira diana nos 7 partidos nos que saltou ao céspede este curso.

O equipo soriano volveu responder, como despois do 1-0, con celeridade. Diamanka soltou un duro derechazo desde a frontal da área, ante o que Dani Giménez rexeitou como puido cos seus pés.

O Dépor non se amedrentou e acariñou o terceiro gol só dous minutos despois. Carles Gil protagonizou unha gran acción individual, abriu o xogo cara á zona esquerda do ataque coruñés, onde Borja Valle controlou o balón e, cun suave toque, buscou o lado contrario do portal soriano. O poste repeleu o seu remate.

No minuto 40, Quique peiteou un córner botado por Carles Gil. O remate do ariete valisoletano escapouse por escasos centímetros sobre o traveseiro. Coa clara vantaxe de dous goles a favor do Deportivo chegouse ao descanso.

Saíu forte o Numancia após o paso polos vestiarios, tratando de acurtar distancias canto antes. No primeiros tres minutos puxo a proba a Dani Giménez en tres ocasiones. Na primeira, nun disparo alto de Unai Medina. Despois, nunha cabezada de Higinio ao saque dunha falta, que se estrelou na mesma cruceta. E para acabar, nun zurdazo raso de Yeboah, que detivo con seguridade o gardamallas deportivista.

O Deportivo estirouse de inmediato, após unha recuperación de Pedro Mosquera, na que Carles Gil foi obxecto de falta. Nesa acción, Edu Expósito lanzou en profundidade, despois dun belo recorte, a Bóveda, que forzou un córner após tentar un autopase sobre Carlos Gutiérrez. No saque de esquina, repetiuse a acción da cabezada peiteada por Quique, a centro de Carles Gil. Nesta ocasión, Juan Carlos reaccionou para sacar o coiro de novo a córner.

Con todo, cando parecía todo controlado, o Numancia si foi capaz de recortar distancias. Ao fío da hora de xogo, Unai Medina bateu a portería branquiazul cunha potente cabezada chegando desde atrás, a centro de Alain Oyarzun.

No minuto 65, Pedro Mosquera estivo a piques de facer o terceiro gol coruñés. O capitán deportivista fíxose co rexeite á saída dun córner e empalmou un potente zurdazo que se estrelou no lateral esquerdo da rede da portería.

Acto seguido, Pedro Mosquera cedeu o seu brazalete a Álex Bergantiños. Após o cambio no mediocentro, o Dépor trenzou unha fantástica xogada no extremo dereito. Carles Gil serviu cara ao corazón para Quique, que ante a imposibilidade de rematar, cedeu para a chegada de cara de Bóveda. O lateral dereito tratou de colocar o balón cun suave toque coa súa bota dereita, pero fíxoo por encima do traveseiro.

Despois, Carles Gil tivo nos seus pés liquidar o encontro en dúas ocasións.

No minuto 70, após unha cabalgada de Borja Valle polo extremo esquerdo, o dianteiro berciano virou sobre si mesmo ao entrar na área a pé cambiada e cedeu para a chegada do mediapunta, cuxo zurdazo perdeuse á dereita do marco numantino. Dous minutos despois, o valenciano rematou acrobáticamente desde o punto de penalti un fenomenal centro de Saúl. O seu impacto non foi preciso e a pelota saíu cara ás nubes.

Non sentenciou o Dépor e o Numancia logrou o empate na súa primeira oportunidade, nun centro cruzado moi tenso de Alain Oyarzun, que parecía que se perdería pola liña de fondo. Diamanka arrincou con velocidade e sorprendeu coando o esférico entre o poste e Dani Giménez. Corría o minuto 79.

Pese ao xerro de auga fría, os deportivistas reaccionaron rapidamente. Nun novo córner lanzado por Carles Gil, Pablo Marí cabeceou con nitidez, pero o seu remate picado sacouno cos pés o porteiro visitante.

Xa no tempo de desconto, Saúl viu un segundo cartón amarelo máis que cuestionable. Aínda cun xogador menos, o Dépor tentou a hombrada na última xogada, na que Domingos baixou a falta colgada por Krohn-Dehli, pero senllos resbalóns impediron rematar primeiro a Quique e despois a Pablo Marí.

Con este empate, voan puntos de ABANCA-RIAZOR por segunda vez en 8 xornadas, e o Dépor alcanza os 32 no cómputo global. Igualmente, os branquiazuis alcanzan os 12 partidos sen perder, no que é a cuarta mellor serie da historia ligueira do Club. Así mesmo, o Dépor alcanza a 17ª xornada cunha soa derrota no seu haber, marca soamente superada en toda a historia pola campaña 1996-97, na que o equipo sufriu a súa primeira derrota na 18ª xornada.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pedro Marí, Saúl, Vicente Gómez, Pedro Mosquera (Álex Bergantiños, min. 66), Edu Expósito (Krohn-Dehli, min. 79), Carles Gil (Christian Santos, min. 84), Borja Valle e Quique.

CD Numancia: Juan Carlos, Unai Medina, Pichu Atienza, Carlos Gutiérrez, Marc Mateu, Diamanka, Escassi, Fran Villalba, Yeboah (Kako, min. 89), Higinio (Borja Viguera, min. 58) e Nacho (Alain Oyarzun, min. 46).

Goles: 1-0 Edu Expósito (min. 10); 2-0 Borja Valle (min. 29); 2-1 Unai Medina (min. 59); 2-2 Diamanka (min. 78).

Árbitro: Arcediano Monescillo (c. castelán-manchego). Expulsou a Saúl (min. 90+2) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Saúl (min. 81) e Vicente Gómez (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á 17ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.658 espectadores.