RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O playoff espera ao Deportivo (2-0)

O Deportivo cumpriu coa súa misión na xornada final de LaLiga 1|2|3 ante o Córdoba CF, ao que venceu cun tanto de Borja Valle na última acción da primeira metade e un golazo de Pedro nada máis arrancar o segundo período, e clasificouse para loitar no playoff pola terceira e última praza de ascenso a LaLiga Santander.

O preparador deportivista repetiu o once inicial que presentou o pasado martes na penúltima xornada, ante o Elche CF no Estadio Manuel Martínez Valero.

Arrancou o Deportivo moi enchufado, con moita intensidade. Froito diso, aos 2 minutos acariñou o primeiro tanto, nun centro de Pedro que non cabeceou por moi pouco Carlos Fernández ante a saída de Carlos Abad, e que Miguel Flaño rozou para sacar a córner.

No saque de esquina, o balón quedou solto na área. O rexeite rebotou en Quim Araujo nunha acción na que tanto os xogadores como a parroquia deportivista viron man e reclamaron penalti.

Aos 8 minutos gozou o Córdoba da súa primeira oportunidade. Chegou nun centro desde o extremo dereito que cabeceou Bodiger. Dani Giménez despexou a córner.

No minuto 11, Pedro non foi capaz de empuxar un pase da morte de Borja Valle, que se internou completamente só polo extremo esquerdo. Só tres minutos despois, de novo Pedro gozou dunha ocasión manifesta de gol, cando o balón lle quedou morto dentro da área pequena, aínda que escorado, despois dun slalom de Borja Valle que freou a zaga cordobesa. O disparo do alacantino, por baixo buscando o pau contrario, sacouno Carlos Abad coa xema dos dedos a saque de esquina.

Ao mesmo tempo, o Sporting de Gijón adiantábase ante o Cádiz CF en El Molinón. Este resultado afianzaba aínda máis a súa posición na zona de playoff de ascenso.

Superado o ecuador do primeiro tempo, o Deportivo chegou con claridade en varias oportunidades, pero en ningunha delas acabou disparando á portería visitante.

Os branquiazuis non volveron poñer a proba a Carlos Abad até o minuto 38. Carlos Fernández disparou desde a frontal despois de recibir un pase de Fede Cartabia, que roubara a pelota en campo contrario. Dous minutos máis tarde, o arxentino estrelou o seu disparo no lateral esquerdo da rede da portería cordobesa, despois de que o seu disparo rozase levemente en Miguel Flaño.

Intensificaron o seu dominio os pupilos de José Luis Martí no tramo final do primeiro acto. Primeiro, Loureiro desviou levemente un disparo de socato de Borja Valle, nun balón que quedara morto á altura do punto de penalti. Acto seguido, foi Carlos Fernández o que cabeceou, lixeiramente desviado á dereita da portería andaluza, un centro de Saúl.

En pleno asedio coruñés, chegou o primeiro gol do partido. Na segunda xogada do décimo saque de esquina do primeiro tempo, o balón caeu a Edu Expósito, que abriu perfectamente para Saúl. O cántabro puxo un centro potente por baixo que, após un pequeno rexeite, cazou Borja Valle para adiantar aos branquiazuis co seu sétimo gol na presente edición de LaLiga 1|2|3. O colexiado indicou o camiño dos vestiarios nada máis reiniciaron o xogo desde o círculo central os xogadores do equipo blanquiverde.

Non puido comezar mellor a segunda metade. Cando se cumpría o minuto 50, Pedro ampliaba distancias cun fantástico zapatazo que se coou polo vértice superior esquerdo do portal cordobés. Foi o seu terceiro tanto en LaLiga 1|2|3.

Con todo, case de inmediato, o equipo visitante acariñou o gol. Piovaccari internouse polo centro da área. Presionado por Bóveda, o italiano disparou caéndose ao chan. O coiro estrelouse no traveseiro e acto seguido Domingos Duarte afastou o perigo.

No minuto 74, Carlos Abad desbaratou unha nova oportunidade coruñesa, nun duro remate raso de Nahuel, que substituíra con anterioridade a Fede Cartabia. Segundos despois, o porteiro cordobés atrapou en dous tempos outro zapatazo de Pedro, tamén por baixo.

Foi practicamente o final do partido, porque xa non volveron producirse accións de perigo en ningunha das áreas.

Con esta vitoria, o Deportivo conclúe o campionato na sexta praza, con 68 puntos, grazas a 17 vitorias, 17 empates e 8 derrotas. O equipo disputará a semifinal do playoff de ascenso fronte ao Málaga CF, co encontro de ida o vindeiro mércores 12 (20:30 horas, Movistar Partidazo) en ABANCA-RIAZOR.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Fede Cartabia (Nahuel, min. 61), Álex Bergantiños, Edu Expósito, Pedro (David Simón, min. 85), Carlos Fernández (Vicente Gómez, min. 71) e Borja Valle.

Córdoba CF: Carlos Abad, Fernández, Chus Herrero, Miguel Flaño, Loureiro, Álex Vallejo, Alfaro, Quim Araujo (Carbonell, min. 76), Bodiger (Moyano, min. 69), Javi Lara (Chuma, min. 81) e Piovaccari.

Goles: 1-0 Borja Valle (min. 45); 2-0 Pedro (min. 50).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Loureiro (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 42ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 22.268 espectadores.