RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O que me fai máis feliz é que sigamos os que estabamos", di Natxo sobre o mercado invernal

Natxo González explicou na sala de prensa de Abegondo que a fichaxe de Iñigo López debeuse á "saída de Gerard Valentín. Mantemos a Eneko Bóveda no lateral, que se pelexe con David Simón. Así se incorpora un central, 2 por posto para seguir habendo competencia. É un xogador con moita experiencia, que nos axude, que esa experiencia con varios ascensos e situacións deste tipo, cremos que nos pode axudar".

De Nahuel Leiva, o técnico deportivista sostén que é un xogador "de banda, con moito desequilibrio, con bo disparo a porta. Isto dános máis posibilidades para xogar con xogadores máis abertos".

Mostrouse "contento" co cadro: "Co cadro que tiñamos, as incorporacións serían en función das saídas que habería. Así foi. Ao saír Carles, tiñamos que decidir que perfil de futbolista. Entendemos que para ter as dúas posibilidades de poder xogar máis abertos, témola; para xogar máis pechados, tamén".

É máis, insiste en que "o que me fai máis feliz é que sigamos os que estabamos. O que máis temía era que podían irse xogadores importantes porque pode pasar en calquera momento. Vén calquera Club, que che quite a un xogador, que paguen... Era o que máis me quitaba o soño. Fixarvos o Elche, que perdeu a Sory Kaba. Onte no último momento. Era o que máis me preocupaba. Como non foi así, pois feliz e contento. Mensaxe de ánimo aos afeccionados que se quedaron un pouco decepcionados".

Mañá sábado 2 de febreiro ante o CD Tenerife en ABANCA-RIAZOR (20:30 horas, LaLiga 1|2|3), Natxo advirte que no estadio "o ritmo de partido adoitámolo marcar nós. Dependerá un pouco da nosa actitude".

Sobre o rival, indica que o conxunto tinerfeño "ten xogadores con moito fútbol para quitarnos o balón en calquera momento. Iso sería un problema para nós. Para prever iso trataremos de telo nós o máis posible, como sempre tentamos. E logo defender o máis alto posible. Logo veremos a climatoloxía, como está ABANCA-RIAZOR. É das cousas que pode ser determinante".

Do triunfo o pasado domingo en Xixón, o adestrador branquiazul, de cara ao futuro, valora importante a razón pola que "volvemos gañar fóra de casa. Fomos eficaces obviamente. Seguimos necesitando 2 goles para gañar fóra. Encaixamos por unha cousa ou por outra, dunha maneira ou doutra. Seguimos tendo que facer 2 goles para gañar fóra por tanto segues tendo que ser eficaz. Pero competimos moito mellor que outras veces fóra de casa. Cando falo de competir, a mellor forma de definir do partido e que a min me xerou ilusión é que fomos un equipo bastante 'desagradable' en moitos momentos, un equipo complicado, un equipo que xerou impotencia en moitos momentos. Temos que seguir nese camiño".