RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O RC Deportivo únese á campaña de Xunta e Deporte Galego contra a violencia de xénero

O Real Club Deportivo e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, presentaron o pasado luns, xunto a outro oito clubs de diferentes deportes e categorías, un acordo para potenciar desde o Dépor a campaña institucional: NON, para a prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Desde hoxe, e durante toda a semana do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, sucederanse diferentes accións de sensibilización, comezando polo manifesto lido esta mañá por Manu Sánchez, adestrador do Dépor ABANCA, na previa do partido contra o Atlético de Madrid. Este partido, emitido para toda España por Gol, dedicarase a esta causa, tanto na foto do once inicial como a través do brazalete que lucirá mañá a capitá do equipo.

Tamén, durante toda a semana desde as canles de comunicación do Club emitiranse mensaxes protagonizadas por futbolistas e técnicos do Deportivo, o Dépor Abanca e o Fabril e representantes doutros estamentos da entidade.

A campaña do Deportivismo e de toda a sociedade galega potenciará a concienciación en que a única resposta posible ante a violencia de xénero é ¡NON!

"Bos días a todas e todos,

antes de dar comezo a esta rolda de prensa, no nome de todos os que formamos parte do Real Club Deportivo en todos os seus ámbitos quero facer chegar unha mensaxe clara e contundente.

Nesta fin de semana, mañá no noso partido en ABANCA-RIAZOR e durante os vindeiros días, até o 25 N, día mundial contra a violencia de xénero, o Deportivo e o Deportivismo imos empregar toda a nosa forza para facer chegar á sociedade un berro pola igualdade, polo respecto e pola erradicación de calquera tipo de violencia sexista no fútbol, no deporte e na sociedade.

Por iso queremos unirnos á campaña de sensibilización da secretaría xeral de igualdade da Xunta de Galicia e de Deporte Galego. Coa imaxe ás miñas costas nesta rolda de prensa, con valos que estades a ver nos nosos partidos, con mensaxes nas nosas redes sociais e nas nosas canles de comunicación e cun compromiso persoal de todos cantos formamos parte da familia Deportivista, queremos lembrar un ano máis a todos cantos nos seguen, ven ou escoitan que a violencia de xénero só admite una resposta: NON.

Grazas por colaborar co Dépor, coa Xunta e con toda a sociedade galega para que esta mensaxe chegue a todo o mundo e máis pronto que tarde non sexa necesario ter que difundila máis".