RCD / NOVAS

O Real Club Deportivo colabora con ADOS na campaña "Súmate ao noso equipo"

23/03/2020 12:00

O Real Club Deportivo e a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), colaboran como cada dous anos para promover a doazón de sangue entre os afeccionados do Dépor nunha das épocas máis complicadas para ADOS e os hospitais galegos: o mes de Semana Santa, este ano marcado pola situación de alerta sanitaria polo COVID-19.

Como xa sucedera hai dúas temporada coa campaña "Corazón Branquiazul, sangue galego", na que ADOS, da man de RC Deportivo e RC Celta, conseguiu a maior taxa de doazón da historia de Galicia (só superada pola captación após o accidente do tren Alvia en Santiago), de novo fútbol e solidariedade vólvense a dar a man. Naquela ocasión, do 19 de marzo ao 14 de abril de 2018 achegáronse 11.789 persoas ás unidades móbiles e locais de doazón de ADOS e producíronse 10.507 doazóns de sangue (das que 717 foron doantes novos). Isto significa unha media de 525 doazóns en cada unha das 20 xornadas que durou aquela campaña.

Esta campaña 2020 "Súmate ao noso equipo" ponse en marcha co #Reto10000 (superar de novo esa cifra de doazóns nun mes), desde hoxe e até o próximo 25 de abril. Neste prazo, todos os Deportivistas que se acheguen a doar (tanto en calquera das Unidades Móbiles que a diario percorren Galicia como nos locais de doazón das principais cidades galegas), poderán conseguir unha da 5.000 camiseta deseñadas en exclusiva para esta campaña do Real Club Deportivo e a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue lembra a todos os posibles doantes que:

- Doar é moi necesario sempre e especialmente en momentos como o actual.
- Doar é un proceso seguro para a persoa que doa. En cada doazón emprégase material estéril e dun só uso e os sanitarios extreman todas as precaucións.
- Consulta con antelación onde podes doar cada día. Na web ados.sergas.gal tes toda a información do día a día para planificar a túa doazón.
- Desde o luns 23 de marzo funciona o sistema de cita previa para doar sangue. Só hai que chamar ao 900 100 828 e acordar hora e lugar, facilitando así os desprazamentos, evitando aglomeracións e mantendo as distancias de seguridade.

Non o dubides, mostra o teu corazón branquiazul, o teu sangue galego. ¡Súmate ao noso equipo, doa sangue!