RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario branquiazul móstrase "agradecido á afección"

Víctor Mollejo e Eneko Bóveda atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do ABANCA-RIAZOR.

O atacante deportivista mostrouse "agradecido á afección. O que estou a vivir aquí na Coruña é unha aprendizaxe incrible. Vivir noites como a de hoxe é para o que vin. Moi contento. Son un mozo novo no fútbol profesional. O ano pasado estaba en Segunda División B. Xogar nun campo con 27.000 persoas motívache, vénche arriba. Agradecido á afección".

Mollejo subliña que "se está forxando un equipo bo. Oxalá sigamos este camiño e tiremos para arriba".

Cre que o Dépor, que estaba "practicamente morto reviviu e de que maneira. Oxalá sigamos xogando ben por momentos. Si é verdade que a segunda parte sufrimos. Pero para gañar hai que sufrir. Se sabemos sufrir, levarémonos moitos puntos".

Ademais, confesou estar "moi agradecido ao míster. Desde que chegou aquí deume unha confianza terrible. Confío moito nel. Estou moi contento de aprender del, é un home de fútbol. Agora estame tocando xogar nesa nova posición. Xa lle dixen que estou contento de xogar onde me poña e vou dalo todo polo equipo".

Pola súa banda, Eneko Bóveda, autor do gol do triunfo, quixo "dar as grazas aos afeccionados e facer pensar á xente que vén a ABANCA-RIAZOR que a responsabilidade maior é para nós; pero todo o mundo ten a opción de poñer o seu gran de area. Unha mensaxe negativa por moito que alguén estea frustrado nunca vai sumar. E un positivo é posible que si. Iso está en mans de cada un".

O defensor deportivista está de acordo co enfoque de Fernando Vázquez de ir "semana a semana, mirando máis aos puntos que a estar continuamente mirando a aplicación do móbil: 'estamos 2 puntos por encima, 1 por baixo, se gaña este...' Iso supón unha tensión que non vai a ningún lado".

Bóveda asegura que "temos moi claro que tantos puntos dan a salvación. Despois do que sufrimos nun momento dado parecía moi difícil. E por riba de todo eu estou a gozar do fútbol. Estou a desexar xogar en Alcorcón. Estou a desexar gañar ao Alcor. E imos máis semana a semana que outra cousa. Pódese falar de obxectivos maiores... Ilusión uno ten. Pero por encima de todo tes máis ganas de que chegue o seguinte partido que cando non te atopas ou as cousas non saen".