RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario comprende o enfado dos afeccionados e proponse "darlle a volta a isto" desde o domingo

Borja Valle, Lampropoulos e Montero pasáronse pola zona mixta de Montilivi.

En primeiro lugar, o dianteiro berciano lamentou que o arreón deportivista na segunda metade "non serviu para nada" e, autor do único tanto do Dépor en Girona, confesa iso si sentirse "lixeiramente contento a nivel individual".

Apunta que na primeira parte "non estivemos ben nin con nin sen balón. En nada che fan moitas ocasións. Ti mesmo xéraste moitos erros. E nesta categoría, e ante estes equipos, mátante. Iso vaite facendo pequeno, vaiche minguando, metendo atrás e ao final fanche goles".

Cre que "as alarmas saltan porque as cousas non acaban de saír ben. Xa van varias xornadas que non saen, que che meten moitos goles, que ti non metes, que non tes boas sensacións. E ao final as alarmas saltan como é lóxico. O obxectivo é súper ambicioso, cun inicio moi, moi malo. E ao final acumúlase e xuntase todo o malo".

Borja Valle pide agora "ir paso a paso e gañar. Non podemos pensar agora mesmo en pillar ao primeiro. Agora mesmo o que temos que pensar é en coller boas sensacións, en ir sacando cousas positivas e saír de onde estamos".

Na súa opinión, o ambiente que rodea ao equipo é un ambiente "triste, feo, real e con motivos. Todos somos coherentes e sabemos que a situación non é nin moito menos boa. Non acaban de chegar os resultados, as boas sensacións, e todo iso fai que o ambiente sexa malo. Eles (os afeccionados) teñen os seus motivos, son reais. E nós o que temos que facer é darlle a volta a isto".

Agora, coa visita da UD Almería este domingo 6 de outubro en ABANCA-RIAZOR (18:30, GOL), "o único que podemos pensar é en gañar veña quen veña, e da forma que sexa. Tes que sacar os 3 puntos si ou si para empezar a gañar, a sumar e a coller boas sensacións".

Preguntado polos erros defensivos, o 7 branquiazul explica que "isto é fútbol e ás veces as cousas non acaban de saír. Ás veces as cousas saen ben, outras saen mal. É como na vida, cando as cousas non acaban de saír, parece que veñen todas as malas xuntas. Agora estamos nun momento negativo no que a xente se cadra non se atopa todo o confiada posible, cada erro se magnifica e todo se volve negro".

Insiste en que no mundo do fútbol "es escravo dos resultados e non das sensacións. Ao final hoxe tes malas sensacións e ganas e ao final parece que todo se esquece. Pero a realidade é que non ganas. Ao final é froito un cúmulo de cousas negativas, non acaban de chegar as cousas. Temos que pensar en positivo e tentar sacar as cousas adiante porque debemos facelo".

Finalmente asegura que "está o míster aquí connosco, está a matar, confiado que as cousas van saír. E nós temos que crer en cada persoa e integrante deste cadro. Non podemos facer outra cousa. Debemos crer, ir a matar coa persoa que está aí e ter un pouco de sensatez e calma. Se nós somos os primeiros que pensamos en negativo, vai ser máis difícil. Agora analizar os erros que cometemos, tentar liquidalos para xa".

Pola súa banda, Lampropoulos quixo pedir "perdón a todos os afeccionados, aos meus compañeiros, ao meu adestrador porque cometo ese erro no terceiro gol".

O internacional grego tamén solicita aos afeccionados branquiazuis que "estean connosco. Necesitámolos. Queremos facer un bo partido para compensar eses partidos que perdemos ou empatamos".

Lembra que a temporada pasada ao Dépor escapóuselle o ascenso no último partido "e os afeccionados teñen iso na cabeza. Temos que mellorar agora e gañar ao Almería".

Admite que a situación é "complicada porque queres facelo mellor, competir máis. Queremos mellorar moitas cousas, gañar como tolos e os erros veñen por iso".

A nivel persoal, "quero mellorar moitas cousas. Quero axudar ao equipo, teño que mellorar e vou mellorar. É unha promesa".

Finalmente, Montero confesa que "estamos un pouco tristes polo partido que fixemos. O bo que ten o fútbol é que en 3 ou 4 días tes o desquite. Así que ilusionados para o seguinte partido".

O defensor andaluz tamén pide "desculpas aos afeccionados polo equipo. Non estamos a dar a mellor versión. Isto vai por refachos. Agora toca o refacho malo. A tentar que veña o refacho bo canto antes para que veñan vitorias e ter á xente connosco".

Non cre que haxa que culpar a Lampropoulos: "Isto é un equipo e fallamos todos. Non é culpa de ninguén, é culpa de todo o mundo".

Tampouco está de acordo en sinalar á defensa polos goles encaixados: "Somos un equipo porque para atacar os defensas son os primeiros que atacan e para defender os primeiros que defenden son os dianteiros".

Considera o central deportivista que é "precipitado pensar en salvar a categoría. A imaxe que estamos a dar non é boa. É normal que os afeccionados estean nerviosos, mosqueados. Seguimos tendo a mesma ilusión que o primeiro día".