RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario sente "vergoña como a que senten os afeccionados"

Lucas Pérez e o capitán Raúl Albentosa compareceron ante os medios informativos na zona mixta do Estadio de Anoeta.

O dianteiro coruñés cre que "fixemos o ridículo hoxe aquí en Anoeta. Viñemos, paseámonos todos, eu o primeiro. Vergoña nada máis".

No entanto, asegura que, a nivel persoal, "teño ganas de saír disto. A ilusión non a perdo. Son un loitador, son un gañador e é o que quero".

Na súa opinión, "o que necesitamos é levantarnos entre todos. Que cada un se tente levantar como poida, apoiándose no compañeiro. O que temos que estar é unidos. Somos nós mesmos os que temos que saír de aí e eu o primeiro".

Entende que os afeccionados sintan vergoña: "Tamén a sinto eu. Eles están impotentes, non poden facer nada. Ven que imos á deriva. É así como senten e como sentimos nós tamén".

A fotografía do vestiario que saca Lucas reflicte uns xogadores "doídos polo seu orgullo, pola afección, polas súas familias, polo seu traballo. Non se pode falar de fútbol. O único que hai que facer é agachar a cabeza, que chegue o día de mañá, traballar e sacalo entre o equipo. Isto sácao a unión do vestiario".

Pola súa banda, Raúl Albentosa, que esta noite luciu o brazalete de capitán, confesa que "hai moitos anos que non sentía isto despois dun partido. Estamos todos bastante afundidos. Pero non cabe outra que seguir adiante, traballar o día a día para tentar sacar isto".

O central branquiazul recalca que "ás veces a situación pode á realidade. Se nós non saímos a sacar isto adiante, ninguén vai vir a sacárnolo. Temos que seguir adiante todos xuntos".

Do mesmo xeito que Lucas, Albentosa "pide perdón a toda a xente porque hoxe foi un partido moi difícil para todos, e sobre todo para a xente que pon o partido para vernos e sentiu vergoña igual que nós".

Fala dun problema futbolístico e anímico: "Non demostramos nada futbolísticamente e animicamente o equipo está afundido".