RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O West Bromwich Albion aterrou na Coruña con 21 futbolistas para disputar esta noite o Teresa Herrera

- Foto: @WBA -

O West Bromwich Albion, rival do Deportivo esta noite no LXXII Trofeo Teresa Herrera (20:30 horas, Estadio ABANCA-RIAZOR), aterrou este mediodía no Aeroporto da Coruña con 21 futbolistas na súa expedición.

O conxunto inglés presenta baixas importantes, como as do centrocampista internacional norirlandés Chris Brunt e do extremo internacional belga Nacer Chadli, ambos con problemas físicos. Tampouco viaxaron á Coruña o veterano defensa internacional norirlandés Gareth McAuley e o centrocampista internacional escocés James Morrison, con lesións de maior importancia.

Este é o cadro que desprazou o West Bromwich Albion (WBA) á Coruña:

xogador posición idade internacional (partidos-goles)
1 Ben Foster porteiro 34 Inglaterra (8)
13 Boaz Myhill porteiro 34 Gales (19)
40 Alex Palmer porteiro 20
2 Allan Nyom defensa 29 Camerún (16-0)
6 Jonny Evans defensa 29 Irlanda do Norte (61-1)
25 Craig Dawson defensa 27
26 Ahmed Hegazi defensa 26 Exipto (39-1)
41 Kyle Howkins defensa 21
49 Kane Wilson defensa 17
50 Dara O'Shea defensa 18
5 Claudio Yacob centrocampista 30 Arxentina (3-1)
8 Jake Livermore centrocampista 27 Inglaterra (3-0)
10 Matt Phillips centrocampista 26 Escocia (4-0)
14 James McClean centrocampista 28 Rep. Irlanda (51-9)
34 Rekeem Harper centrocampista 17
44 Tyler Roberts centrocampista 18
47 Sam Field centrocampista 19
4 Hal Robson-Kanu dianteiro 28 Gales (40-4)
9 Salomón Rondón dianteiro 27 Venezuela (61-19)
19 Jay Rodríguez dianteiro 28 Inglaterra (1-0)
45 Jonathan Leko dianteiro 18

Como nomes máis destacados figuran o porteiro Ben Foster (251 partidos na Premier League con Manchester United, Watford, Birmingham City e WBA), o defensa e capitán Jonny Evans (internacional norirlandés con 8 temporadas e 198 partidos no Manchester United ás súas costas), o extremo escocés Matt Phillips (no top-10 de máximos asistentes da Premier o pasado curso, con 8 pases de gol) e o dianteiro venezolano Salomón Rondón (67 partidos e 25 goles co Málaga en LaLiga Santander entre 2010 e 2012).

O WBA fichou este verán a Jay Rodríguez, cuxo pai, Kiko Rodríguez, fillo de emigrantes coruñeses en Inglaterra, chegou a probar cos xuvenís do RC Deportivo en 1985. Jay Rodríguez (cuxo segundo nome é Enrique, en español) consagrouse na Temporada 2013-2014 nas filas do Southampton (33 partidos, 15 goles), pero unha grave lesión fíxolle perderse o Mundial de Brasil.

O adestrador do WBA é, desde o 1 de xaneiro de 2015, o galés Tony Pulis, que dirixiu 310 partidos na Premier League entre Stoke City (2008-2013), Crystal Palace (2013-2014) e WBA (2015-2017). Na Temporada 2013-2014 recibiu o premio ao Adestrador do Ano, despois de facerse cargo do Crystal Palace en novembro cando era pechacancelas e acabar na 11ª praza (con 12 puntos sobre o descenso) tras sumar 12 vitorias, 5 empates e 10 derrotas.

Pulis é coñecido por ser un adestrador amante do típico fútbol británico, que aposta por defensas férreas e xogo directo. Os seus equipos adoitan marcar e encaixar poucos goles, como denotan os seus números nos seus 310 partidos na Premier League: 310 goles a favor e 397 en contra.

O WBA foi a pasada temporada o equipo que menor posesión de balón promedió na Premier League (40,7%) e o segundo que máis amoestacións recibiu (80), aínda que non viu un só cartón vermello.

Estes foron os resultados en pretemporada do WBA:

12 de xullo: Slavia de Praga 2 - WBA 1 (McClean)
19 de xullo, Premier League Asia Trophy: Leicester City 1 - WBA 1 (Rodríguez). A penaltis: 7-6
22 de xullo, Premier League Asia Trophy: Crystal Palace 2 - WBA 0
26 de xullo, Bass Charity Vase: Walsall 1 - WBA 2 (Donnellan e Robson-Kanu)
26 de xullo: Burton Albion 0 - WBA 1 (Rodríguez)
29 de xullo: Bristol Rovers 2 - WBA 1 (Dawson)
1 de agosto: Port Vale 1 - WBA 1 (Robson-Kanu)

¿Quen é o West Bromwich Albion?

O rival do RC Deportivo é un dos equipos históricos do fútbol inglés e mundial. A piques de cumprir os 140 anos de existencia, pois foi fundado en 1878, o West Bromwich Albion é un dos vinte clubs máis antigos de Inglaterra e un dos 12 membros fundadores da Football League, en 1888. O WBA pasou a maior parte da súa historia na máxima categoría do fútbol inglés.

Así como a súa historia ligueira garda certa similitude coa do RC Deportivo, co seu palmarés ocorre outro tanto do mesmo. O WBA ten un título da máxima categoría nas súas vitrinas (1919-1920), ademais de 5 Copas (1888, 1892, 1931, 1954 e 1968), 1 Copa da Liga (1966) e 2 Charity Shields, a Supercopa inglesa (1920 e 1954). Ademais, o seu equipo xuvenil tamén conquistou nunha ocasión o campionato inglés (1976).

Os 'Baggies' participaron en competicións europeas en 5 ocasións. Primeiro, na Copa de Feiras (1966-1967), despois na Recopa de Europa (1968-1969) e máis adiante en tres edicións da Copa da Uefa (1978-1979, 1979-1980 e 1981-1982). As súas mellores actuacións producíronse na Recopa e na primeira Copa da Uefa, nas que alcanzou os cuartos de final, caendo ante o Dunfermline escocés e a Estrela Vermella iugoslavo.

Nos últimos anos, o WBA logrou estabilizarse na complicada Premier League, despois de sufrir a súa particular 'longa noite de pedra' entre 1986 e 2002, anos nos que non pisou a división de honra e mesmo chegou a descender ao terceiro chanzo. O curso 2017-2018 será o 80º da historia dos 'Baggies' na máxima competición inglesa.

Na temporada pasada, o WBA finalizou nunha cómoda décima posición, con 45 puntos, grazas a 12 vitorias e 9 empates. O seu máximo goleador foi o venezolano Rondón, con 8 tantos.

O West Bromwich Albion e os equipos ingleses no Trofeo Teresa Herrera

Non é a primeira vez que o West Bromwich Albion visita Riazor, pois xa sabe o que é disputar o torneo amigable máis antigo do mundo. Con todo, nunca se enfrontou ao Dépor.

O West Bromwich Albion participou na XXXIV edición do Trofeo Teresa Herrera, do 13 ao 15 de agosto de 1979. Dirixido desde a banda por Ron Atkinson, posteriormente adestrador do Atlético de Madrid (1988-1989) e do Aston Villa ao que o Deportivo eliminou na Copa da Uefa 1993-1994, e no campo por Bryan Robson, convertido despois no 'Capitán Marabilla' do Manchester United (1981-1994), perdeu os seus dous partidos. Na segunda semifinal caeu ante o Sporting de Gijón mercé a un gol de Quini. Na final de consolación perdeu ante o Hónved húngaro, tamén pola mínima. Naquel WBA xogaban tamén o extremo Peter Barnes, que tres anos despois ficharía polo Betis, e o centrocampista Remi Moses, un dos primeiros futbolistas de raza negra en sobresaír e consolidarse na elite do fútbol inglés.

A Torre de Hércules voou naquela ocasión a Madrid, tras imporse o conxunto branco aos asturianos, igualmente por 1-0. Naquel Teresa Herrera debutou co equipo madrileño o dianteiro inglés Laurie Cunningham, fichado ese verán precisamente ao West Bromwich Albion, a cambio de case un millón de libras esterlinas.

Os conxuntos ingleses disputaron un total de seis Trofeos Teresa Herrera, sendo o Newcastle United o único que repetiu participación (1960 e 2010, ata que hoxe o iguale o Albion) e tamén o único que conseguiu levar o título, na súa segunda aparición. Stoke City (1975), Manchester United (1984), Everton (1987) e Liverpool (1988) son os outros equipos ingleses que xogaron en Riazor.

O balance destes equipos é de 12 partidos xogados, 2 ganados, 3 empatados e 7 perdidos, con 9 goles a favor e 16 en contra. O máximo goleador dos equipos ingleses é Steve McMahon, autor de 3 tantos co Liverpool en 1988. O resto de anotadores fixérono nunha ocasión: George Eastham (Newcastle United, 1960), Mark Hughes e Norman Whiteside (Manchester United, 1984), Trevor Steven (Everton, 1987), John Barnes e Gary Gillespie (Liverpool, 1988).