RCD / NOVAS

Os branquiazuis, satisfeitos co traballo do equipo, non co resultado

14/01/2017 23:45

Os futbolistas branquiazuis que atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio de Riazor mostraron a súa satisfacción polo traballo do Deportivo ante o Vilarreal, non así co resultado final de empate sen goles.

Así, Luisinho, hoxe volante zurdo situado por diante de Fernando Navarro, subliñou que "merecemos a vitoria. Tivemos máis oportunidades que eles".

A xuízo do polivalente futbolista portugués, o partido "estivo equilibrado aínda que nós tivemos as ocasións máis claras. Debemos gañar os tres puntos, non o conseguimos, e hai que gañar nas Palmas".

Pola súa banda, Alejandro Arribas mostrouse "moi contento porque "por primeira vez o míster elixiume por diante doutro compañeiro. O resto de partidos que xoguei en liga fíxeno por lesión ou por sanción". O defensor branquiazul tamén dixo estar "contento co partido do equipo, que creo que fixo moi bo partido. Tivo ocasións para poder gañar".

Arribas valorou positivamente o feito de deixar a portería a cero, "que era importante. Un punto máis e a seguir sumando para cumprir o obxectivo".

Máis novas de: LUISINHO, ARRIBAS