RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Os futbolistas branquiazuis en zona mixta aceptan a derrota e céntranse xa no Málaga

Os xogadores branquiazuis que atenderon aos medios de comunicación en zona mixta aceptaron a derrota ante o Athletic Club e céntranse xa no partido do Málaga en Riazor, este sábado 5 de marzo ás 22.05 (TVE).

Así, Oriol Rise, goleador esta noite en San Mamés, asegura que "nós o que temos que facer é seguir, seguir traballando en busca deses puntos que nos dean a salvación. Desde principios de tempada estamos a dicir que o noso obxectivo é a salvación aínda que moitos non o crean. E niso estamos".

Pola súa banda, Juanfran cualificou de moi "frouxo" o partido do Dépor esta noite. "Quizais o peor partido da tempada. Hai que 'resetear', hai que darse conta que con isto non nos vale e non nos chega", engade.

Cre que "nos fixo moito dano aos dous minutos o gol de Aduriz (que significaba o 3-1). Logo tivemos oportunidades pero xa non vale nada cun 4-1 no marcador. Non vale de nada xa o que fagas".

De face ao sábado, pide Juanfran "saír a morder de verdade, con agresividade, con intensidade. Que cada balón sexa unha final, unha guerra. Esa ten que ser nosa actitude".

O capitán Manuel Pablo, que relevou a Fernando Navarro a mediados da segunda parte, recoñeceu que "fóra de casa está a custarnos máis. En casa tivemos partidos bos e aínda así non gañamos".

Opina que foi "constante" o dominio do Athletic Club. "Non soubemos cortar sabendo que eles son un equipo moi dinámico, e aí gañáronnos a batalla", apunta.

Agora, de face ao futuro en Riazor, espera o lateral deportivista "non só quedarnos coa dinámica de xogo se non que se vexan os resultados".

Finalmente, Laure, que arrincou o encontro como capitán, subliñou que "eles se sentiron moi a gusto e fixeron un gran partido".

O defensor deportivista manifestou que o "sábado hai que estar con todos os sentidos" ante un Málaga "que vén en alza, que está ao facer ben".