RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

Repartición de diplomas aos 150 nenos e nenas do DéporCampus Cabreiroá en Abegondo e Sada

O DéporCampus Cabreiroá 2025, a principal actividade social que chega da man da Fundación RC Deportivo, concluíu este venres 25, Día de Galicia, a súa quinta semana con 150 nenos e nenas participantes.

Nesta ocasión a actividade reduciuse á quinta quenda de Abegondo e á sede de Sada, que tamén acolle a Escola RC Deportivo durante o curso escolar.

A novidade deste ano consiste en que futbolistas do primeiro equipo deportivista tanto masculino como feminino xunto a canteiráns e canteirás son os encargados cada semana de repartir os diplomas, asinar autógrafos e fotografarse cos alumnos e alumnas.

Nesta ocasión, Yeremay, Eddahchouri, Jose Ángel, Arnau, Paula Monteagudo, Paula Gutiérrez, Olaya, Sara Extremera e Samara visitaron a sede de Abegondo; e os canteiráns Abel e Miguel de Labra, a de Sada. 

Os DéporCampus Cabreiroá empregan o método Dépor, impartido por adestradores do Club; e baseado no respecto polo rival, o xogo limpo e o esforzo.

Entre os obxectivos están aprender e desenvolver a coordinación a través de xogos coordinativos; aprender as habilidades e conceptos na relación co corpo; aprender as habilidades e conceptos na relación co balón; traballar os fundamentos técnico-tácticos cunha metodoloxía analítica; competir e gozar mediante partidos en diferentes espazos; e finalmente transmitir os valores que representa o Dépor: RESPECTO, SOLIDARIEDADE, AMIZADE, XOGO LIMPO, INTEGRACIÓN, ESFORZO E FELICIDADE.

Toda a información sobre cada sede, quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto.

Última semana entre Abegondo e Zas

A próxima semana conclúe a presente edición dos DéporCampus Cabreiroá 2025.

Na Cidade Deportiva desenvolverase a sexta quenda de Abegondo, ademais da sede de Zas e Cedeira.

Será o broche final a un verán de deportivismo repartido por toda Galicia.