RCD / NOVAS

Os participantes na primeira quenda do Campus AFAC visitaron 'Riazor 75: Recordos dun océano de soños'

08/07/2020 17:15

Os participantes na primeira quenda do Campus AFAC visitaron entre onte martes e hoxe mércores a exposición 'Riazor 75: Recordos dun oceáno de soños', na que os afeccionados poden rememorar a historia do Estadio branquiazul, que hai uns meses cumpriu 75 anos de existencia.

Algo máis dun centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos puideron gozar do material que se atopa exposto, así como coñecer un pouco máis sobre a historia do recinto, do RC Deportivo e da propia cidade.

O Kiosco Alfonso alberga, desde o pasado xoves 18 de xuño até o domingo 2 de agosto, esta mostra, que a piques de cumprir as súas tres primeiras semanas de portas abertas xa recibiu a preto de 3.000 visitantes.

Os horarios de apertura da exposición, de acceso gratuíto, son de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, de luns a domingo.

A Fundación RC Deportivo organiza, xunto ao Concello da Coruña, unha mostra cuxo eixo principal son 75 partidos, tanto oficiais como amigables, protagonizados polo conxunto branquiazul sobre o terreo de xogo do recinto municipal. 'Riazor 75: Recordos dun oceáno de soños' tamén conta con espazos para outro tipo de competicións que tiveron lugar no Estadio ao longo destes 75 anos, como partidos de seleccións españolas e galegas, torneos de verán, a Copa do Mundo de 1982 e mesmo probas de atletismo e ciclismo.

Preto de 90 obxectos, entre os que se atopan camisetas, trofeos, entradas ou bandeirolas, e máis de 70 fotografías, ademais de 11 ilustracións de gran formato, tamén presentes no libro oficial do 75 aniversario do recinto, acompañan aos visitantes no seu percorrido pola historia do Estadio de Riazor.

Igualmente, diversas pantallas mostran imaxes de competicións e eventos que tiveron lugar no Estadio, así como planos xenerais e aéreos e mesmo de diferentes obras. Unha destas pantallas, ademais, mostra unha inédita animación 3D na que se pode observar con todo luxo de detalles a evolución de Riazor desde o comezo das obras en 1939 até o seu estado actual.