RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#OsNosos volven gañar lonxe de casa (1-2)

O Deportivo volveu gañar lonxe de ABANCA-RIAZOR, e fíxoo nun dos campos máis complicados da categoría, o Nuevo Mirador de Alxeciras, grazas aos goles de Max Svensson e Mario Soriano nun choque marcado por dúas decisións arbitrais erróneas, unha contra cada equipo.

O técnico deportivista, Óscar Cano, realizou dous cambios con respecto ao último encontro, a vitoria ante o UD Sanse en ABANCA-RIAZOR, co que repetiu o once inicial do seu primeiro partido a domicilio, en Valdebebas fronte ao Real Madrid Castilla. Lapeña regresou ao centro da defensa trala súa sanción en lugar de Jaime e Olabe volveu ao mediocampo en detrimento do lesionado Isi Gómez.

A primeira acción de perigo chegou no minuto 2, nun disparo cruzado de Siddiki desde o extremo esquerdo ante o que se cruzou Antoñito para evitar o perigo. O Dépor espertou aos 11 minutos, cun balón en profundidade de Quiles para Svensson ante cuxo lanzamento, moi escorado e desequilibrado, cruzouse Ferni para desviar a pelota a córner.

No minuto 14, un novo balón en profundidade pola dereita do ataque coruñés para Svensson, esta vez de Antoñito, deixou en maior vantaxe que na acción anterior ao sueco, que fusilou a Flere cun potente dereitazo para abrir o marcador coa súa primeira diana como deportivista.

O Algeciras CF non se amedrentou e no minuto 23 Roni gañoulle a partida a Lapeña nun balón chovido e o seu zurdazo raso ao primeiro pau detívoo Mackay pleno de seguridade. Recentemente superada a media hora, o conxunto local igualou a contenda. Foi após unha xogada individual de Iñaki Elejalde, que acabou disparando ao pau esquerdo desde a media lúa, o rexeite golpeou en Lapeña e caeulle a Roni, que cedeu ao punto de penalti para Iván Turrillo, que colocou a pelota lonxe do alcance de Mackay.

Pouco despois, no minuto 36, produciuse a primeira acción polémica do encontro, nun claro penalti sobre Mario Soriano que o colexiado non sinalou. O alcalaíno controlou un centro de Antoñito ao segundo pau. Pepe Mena chegou unha décima tarde ao cruzamento e pateou claramente ao xogador deportivista.

A segunda metade comezou cun Algeciras CF disposto a mandar no partido coa clara intención de adiantarse no marcador, ante un Deportivo máis replegado. Unha cabezada de Ferni, completamente só no segundo pau, por riba do traveseiro no minuto 49, estivo a piques de valer o segundo gol para o conxunto gaditano.

O Dépor non engarzaba xogadas en ataque máis aló da que no minuto 51 protagonizou Antoñito, que recortou cara a dentro e disparou coa esquerda demasiado cruzado.

Á hora de xogo, Óscar Cano introduciu a Víctor Narro por Olabe, co que Mario Soriano atrasou un pouco a súa posición a mediocampo para acompañar a Diego Villares e Rubén Díez. E acto seguido, Mackay sacou unha man milagrosa para enviar a saque de esquina un remate de socato de Iñaki Elejalde.

Roni, cun dereitazo cruzado e raso desde dentro da área que atrapou o porteiro e capitán branquiazul no minuto 66, tamén tivo a opción de adiantar ao Algeciras CF. Dous minutos despois, Raúl Carnero incorporouse ao ataque pero o seu zurdazo afastado foise alto.

Con dez minutos por diante, o preparador branquiazul refrescou o ataque coa entrada de Zalazar e Santamaría por Quiles e Svensson. E pouco despois, chegou o tanto da vitoria coruñesa. Un longo ataque coruñés, cunha primeira internada na área de Víctor Narro cuxo pase atrás non atopou rematador, continuou cun novo toque cara a fóra da área do mallorquino para que Rubén Díez atopase completamente desmarcado na esquerda a Mario Soriano. O alcalaíno tentou colocar o coiro preto do pau máis afastado e o balón coouse na portería após golpear no pé esquerdo de Van Rijn. Foi o cuarto tanto do '10' branquiazul no que vai de temporada.

O Dépor controlou ben o tempo nos minutos finais, nos que Mackay, cun problema no ombreiro dereito, tivo que ser substituído por Edu Sousa. Con todo, no quinto dos seis minutos de engadido que marcou o cuarto árbitro, chegou a segunda xogada polémica do encontro. O colexiado, a instancias dun dos seus asistentes, anulou un gol a Unai Veiga por un fóra de xogo inexistente.

Con este triunfo, o primeiro fóra de casa despois de dous empates (Celta B e Rayo Majadahonda) e unha derrota (RM Castilla), o Dépor alcanza os 21 puntos despois de 11 xornadas. Ademais, é a segunda vez en toda a temporada que os branquiazuis gañan dous encontros seguidos, feito que non sucedía desde as 3 vitorias nas 3 primeiras xornadas.

Algeciras CF: Flere, Albarrán, Jordi Figueras, Van Rijn, Tomás, Iván Turrillo, Pepe Mena (Unai Veiga, min. 85), Ferni (Mizzian, min. 77), Iñaki Elejalde (Juan Serrano, min. 85), Siddiki (David Martín, min. 71) e Roni.

RC Deportivo: Mackay (Edu Sousa, min. 89), Antoñito, Lapeña, Martínez, Raúl Carnero, Rubén Díez, Diego Villares, Olabe (Víctor Narro, min. 63), Quiles (Kuki Zalazar, min. 79), Svensson (Santamaría, min. 79) e Mario Soriano (Jaime, min, 89).

Goles: 0-1 Svensson (min. 14); 1-1 Iván Turrillo (min. 31); 1-2 Mario Soriano (min. 82).

Árbitro: Pérez Hernández (c. madrileño). Cartón amarelo ao adestrador deportivista Óscar Cano (min. 37), Pepe Mena (min. 61), Pablo Martínez (min. 77) e David Martín (min. 78).

Incidencias: partido da 11ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Municipal Nuevo Mirador ante 5.187 espectadores.