RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Outros dous puntos voan de ABANCA-RIAZOR no minuto 86 (2-2)

O Dépor deixou escapar outros dous puntos de ABANCA-RIAZOR nos minutos finais, despois de remontar con moito sufrimento o partido ante a AD Alcorcón, equipo que, con ampla diferenza, erixiuse no mellor visitante do Estadio herculino no que vai de temporada.

O técnico deportivista, Natxo González, unicamente introduciu un cambio con respecto á aliñación que presentou na pasada xornada fronte ao Málaga CF. Borja Valle deixou o seu posto na dianteira en favor de Matías Nahuel Leiva, de volta após cumprir dous partidos de sanción.

O partido comezou con ambos os equipos mostrando claras as súas ideas, pois Dépor e Alcorcón trataron de manter a posesión con boas triangulacións, sempre raseando a pelota. No minuto 9, produciuse o primeiro disparo do encontro. Edu Expósito culminou unha boa acción pola dereita do ataque branquiazul cun zurdazo desde a frontal da área. Dani Jiménez agarrou a pelota con seguridade.

Pouco despois, o Alcorcón adiantouse no marcador. David Simón agarrou na área a Nono, que penetraba como unha exhalación. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde o que Esteban Burgos, cun durísimo dereitazo, bateu a Dani Giménez.

No ecuador do primeiro período tivo o Deportivo unha gran ocasión para empatar. Fede Cartabia tocou sútilmente por encima da barreira un libre directo a escasos centímetros da frontal da área. Dani Jiménez voou para impedir que o balón se coase, pero deixouno morto na área pequena. Quique pasouse de freada, pero o coiro quedou a pés de Pedro Mosquera que, en posición forzada, enviouno ás nubes.

O Dépor pisou o acelerador. Engarzou varios ataques perigosos e forzou tres saques de esquina practicamente consecutivos. Nun deles, no minuto 24, Pablo Marí rematou de cabeza en posición franca, pero o balón rozou nun rival e Elgezabal despexouno practicamente sobre a liña de gol.

No minuto 29, o colexiado pasou por alto unha clara man dentro da área de Dorca, após unha fantástica acción individual de Edu Expósito. O centrocampista filtraba o coiro dentro da área para a incorporación de Fede Cartabia e atopou, como se viu claramente nas imaxes televisivas, o brazo do volante do conxunto oleiro.

Tanto foi o cántaro á fonte que acabou por romper no minuto 38. David Simón xogou un saque de banda cara á liña de fondo para Edu Expósito, que meteu un centro envelenado á área pequena. Dani Jiménez rexeitou o balón como puido. O mesmo foi a caer ao pé esquerdo, de novo, de Pedro Mosquera. O mediocentro coruñés rematou mordido, pero a pelota dirixiuse á cabeza de Quique que, en posición correcta, bateu ao porteiro visitante para empatar o partido. Foi o gol número 12 do dianteiro valisoletano nesta edición de LaLiga 1|2|3.

O máximo goleador deportivista estivo a piques de poñer en vantaxe ao equipo branquiazul no minuto 42. Quique cazou a pelota dentro da área despois de que un despexe da defensa madrileña rebotase en Nahuel. O seu disparo cruzado desviouno o xusto, nunha estirada imposible, o gardameta oleiro.

A segunda parte arrincou con claro control deportivista. No minuto 51, un longo ataque, unha posesión practicamente interminable, culminouna Quique cun durísimo zurdazo desde o bordo da área grande. De novo Dani Jiménez estivo rápido e áxil para desviar a pelota o xusto para enviala a saque de esquina.

Non foi até o minuto 60 que o Alcorcón puxo a proba a Dani Giménez. Fíxoo Nono, cun tan lonxano como potente dereitazo. O porteiro deportivista quixo evitar complicacións e preferiu desviar cara a un costado para conceder un córner.

Reaccionou pronto o Dépor, que no minuto 62 topouse coa madeira. Pedro Mosquera atopou en profundidade a Edu Expósito que, todo serenidade, amagou o disparo até en dúas ocasións para sentar a senllos defensas amarelos. O centrocampista tratou de colocar o seu disparo co pé esquerdo pero estrelou o esférico no traveseiro.

No minuto 67, Quique pediu penalti de Dani Jiménez, após chegar antes ao balón coa súa cabeza e ser arroiado polo porteiro na súa saída de puños. O árbitro sinalou saque de porta.

As seguintes accións de perigo, unha por bando, chegaron en disparos lonxanos. Primeiro, por parte de Diego Caballo (minuto 71). Despois, en botas de Toribio (minuto 74).

De inmediato, Vicente Gómez entrou por Pedro Mosquera. O canario atopou en profundidade a Nahuel, que serviu cara ao centro para a chegada de Quique. O dianteiro foi derrubado por Elgezabal xusto á entrada da área. O propio '7' deportivista encargouse de bater a Dani Jiménez desde o punto de penalti para poñer en vantaxe ao Dépor co seu gol número 13 en LaLiga 1|2|3.

O Alcorcón quixo responder con celeridade. Tentouno por medio de Juan Muñoz, que desbordou entre liñas, antes de buscar sorprender a Dani Giménez desde o bordo da área buscando o pau máis lonxano. O disparo marchouse á esquerda do marco coruñés.

Os visitantes estiveron preto do empate nun remate de Juan Muñoz a centro de Laure. O dianteiro oleiro desviou lixeiramente o coiro, que se perdeu pegado ao pau dereito do portal deportivista. Si o lograron pouco despois, nunha acción similar, esta vez con centro de Jonathan Pereira e remate do recentemente incorporado Víctor Casadesús. Soamente faltaban 5 minutos para alcanzar o 90.

Aínda que o Deportivo tentouno, non foi capaz de atopar o camiño cara á épica, co que acabou sumando un novo empate. Outro punto máis que mantén aos branquiazuis no pelotón de cabeza, con 49, a só 5 do líder, o Osasuna, e a 4 do segundo clasificado, o Granada.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón (Somma, min. 83), Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Vicente Gómez, min. 75), Fede Cartabia (Borja Valle, min. 65), Quique e Nahuel.

AD Alcorcón: Dani Jiménez, Laure, Esteban Burgos, Elgezabal (Víctor Casadesús, min. 83), Aly Abeid (Bellvís, min. 46), Sangalli, Eddy Silvestre (Toribio, min. 65), Dorca, Nono, Juan Muñoz e Jonathan Pereira.

Goles: 0-1 Esteban Burgos, de penalti (min. 12); 1-1 Quique (min. 39); 2-1 Quique, de penalti (min. 77); 2-2 Víctor Casadesús (min. 86).

Árbitro: Milla Alvendiz (c. andaluz). Cartón amarelo a David Simón (min. 11), Laure (min. 20), Nono (min. 29), Álex Bergantiños (min. 34), Elgezabal (min. 76) e Víctor Casadesús (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.163 espectadores. Nos prolegómenos gardouse un minuto de silencio polo falecemento do ex xogador do Deportivo Manuel Idígoras.