RCD / NOVAS

Pablo Brea renova por tres temporadas co Deportivo

03/05/2021 13:58

Pablo Brea Fontáns (Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2001) renovou o seu contrato co RC Deportivo por tres campañas.

Brea cumpre actualmente a súa sexta temporada nas filas deportivistas, aínda que unha delas, a 2019-2020, xogou cedido no Coruxo FC. O porteiro incorporouse á disciplina branquiazul no verán de 2015 procedente do Santiago de Compostela CF para formar parte do Cadete B.

O gardameta compostelán é un habitual nos adestramentos do primeiro equipo, co que debutou fai máis de tres anos no XIX Memorial Moncho Rivera, fronte ao SC Corinthians Paulista en ABANCA-RIAZOR. Durante a campaña 2016-2017, Brea foi citado en dúas ocasións para xornadas de adestramento coa selección española sub-16, aínda que non chegou a disputar ningún partido.

No presente curso, Pablo Brea disputou 13 encontros, 12 deles como titular, co RC Deportivo Fabril no Grupo 1 de Terceira División.

Con esta ampliación de contrato, o porteiro santiagués queda vinculado ao RC Deportivo até xuño de 2024.