RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí, con confianza plena "no meu equipo, nos nosos xogadores, os que entran, os que saen"

Pablo Marí foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O central deportivista cre que o equipo chega "ben" ao partido deste venres 22 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante a UD Almería (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV). "A mentalidade do equipo é boa. Tivemos a fin de semana para desconectar un pouco, chegar coa cabeza limpa, e sobre todo con moitísimas ganas e ilusión de afrontar este partido. Para nós é moi importante para recuperar esas sensacións en casa", engade.

Subliña que o partido da UD Las Palmas de hai 15 días "tiñámolo moi controlado e escápasenos por unha acción puntual. Hai veces que pasa. Hai que saber solucionar eses detalles canto antes para que non ocorran. E volver recuperar sensacións".

Por este motivo, pide o defensor branquiazul "mellorar cada día. Temos que traballar moito, analizar moi ben o que fixemos cada semana e non repetir eses detalles que non han ir ben, e que non volvan ocorrer".

Cre que o vestiario deportivista é autocrítico: "Somos un equipo que quere facer as cousas moi ben, que queremos estar arriba. Iso pasa por ser autocríticos. Nin cando as cousas van ben te deixas ir, nin agora que están mal o equipo está afundido. Estamos máis unidos que nunca e apoiámonos entre todos".

O futbolista valenciano asegurou que "temos cousas que mellorar evidentemente. Non somos un equipo perfecto. Pero confío plenamente neste equipo e sobre todo en ABANCA-RIAZOR, que nos vai a axudar esta fin de semana".

Cunha visión obxectiva do momento actual da temporada, Pablo apunta que "queda un mundo. Queda moitísimo por pelexar e moitísimo por cambiar. Estamos nun momento no que temos que afrontar o partido do venres coma se fose unha final porque cada vez vai quedando menos; pero hai que afrontalo con ilusión, con ganas, con ganas de cambiar cousas, con ganas de querer ascender posicións... Hai que estar completamente tranquilos e enfocados no partido do venres. Non mirar máis aló".

Recalca que "para cambiar esa dinámica que traiamos até agora evidentemente o que mellor nos pode ir é gañar. Somos sabedores que hai que ir a matar, hai que levar os 3 puntos. Necesitamos a todo un estadio enteiro como é ABANCA-RIAZOR para que nos axude a conseguilo".

Preguntado polos rivais polo ascenso, repite que non pensa nos demais, "confío plenamente no meu equipo, nos nosos xogadores, os que entran, os que saen".