RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí: "O equipo segue aí, segue na pelexa. O importante é non baixarse do carro"

Pablo Marí asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo non estar preocupado porque o Deportivo desperdiciase 4 oportunidades de acceder ao liderado de LaLiga 1|2|3: "Non me preocupa. O equipo segue aí, segue na pelexa. O importante é non baixarse do carro".

O central deportivista advirte que o partido deste domingo 24 de febreiro en La Rosaleda ante o Málaga CF (18:00 horas, Movistar Partidazo) non é o partido máis importante do ano, senón "o partido máis importante desta semana. É un partido clave, no cal temos que saír a gañar, sabendo que nos podemos levar 3 puntos. O Málaga non vaiche a poñer as cousas fáciles, xoga na súa casa".

Con todos eses ingredientes, vaticina "un partido moi bonito, competitivo até o final. Un partido dos que gusta xogar".

Non cre que esta semana sexa para esquecer o empate do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Nàstic: "Cando as cousas non saen como un espera, hai que analizalas e traballar niso para que non volvan ocorrer".

Na súa opinión, o partido ante o conxunto tarraconense estivo "bastante controlado. Tivemos bastantes ocasións de gol. Puxémonos por diante. Desde atrás vía que tiñamos o partido onde queriamos. O seu gol foi unha xogada puntual. Esa e a do final, só tiveron 2 ocasións en todo o partido. 95 minutos e conceder só 2 ocasións de gol é moi difícil de facer. En Segunda non te podes permitir nin 2 xogadas".

Non viu relaxación, é máis, recalca que o equipo "estivo cunha alta intensidade en duelos. Temos moitísimos gañados durante o partido. Eles gañaron pouco. Estabamos atentos ás vixilancias. Estabamos atentos no un contra un. O equipo estivo ben até o final. Se metésemos un par de ocasións que tivemos, estariamos a falar doutra cousa. Máis aló do resultado, o equipo estivo ben, pelexou até o final, e é a idea de cada semana".

Os últimos empates en ABANCA-RIAZOR son debidos, segundo Pablo Marí, a que os equipos "veñen con outra idea. Non coa mesma coa que viñan ao principio. Saben moi ben onde temos os nosos puntos fortes, os nosos puntos débiles; e saben xogalos ben".

Reitera que o equipo está con confianza e seguridade, "esta semana sabemos que é un rival directo (polo Málaga CF). Estamos todos apertados. Gañar cada semana, sexa fóra ou en ABANCA-RIAZOR está a volverse difícil non para nós, para todo o mundo. Os que consigan ter esa regularidade de vitorias ou de sacar puntos cando non se pode gañar, serán os equipos que estean a pelexar aí arriba".

Finalmente, desexa o defensor branquiazul que a enfermaría se baleire canto antes: "Cuantos máis futbolistas sexamos para entrar en convocatoria e poñerllo difícil ao míster, mellor. O importante é que os xogadores que temos agora lesionados póñanse ben, que se recuperen canto antes, e que entre todos podamos axudar cada fin de semana".