RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí pide darlle "naturalidade á liga, tanto cando ganas como cando perdes"

Pablo Marí pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O central valenciano apunta que este luns 24 de setembro (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) ante o Granada no ABANCA-RIAZOR, "temos un partido de vital importancia contra un grandísimo rival. Temos que facer as cousas moi ben se queremos gañar".

Na súa opinión, e con 3 dos próximos 4 partidos no estadio, opina que "hai que ser fortes. Para min tamén una das claves é ser fortes fóra de casa. Xogamos 4 partidos fóra e perdemos 1. Quedas coa sensación de que puidemos sacar algo máis. Hai que ser fortes en casa, pensar no que temos diante que agora mesmo é o Granada o luns. Unha vez que pase o partido xa pensaremos no seguinte".

Confésase con "ganas e ilusión de ver acabado o Estadio ABANCA-RIAZOR, de ver á xente que se poida sentar no seu sitio e estar cómodos. A pesar diso, a afección (no partido ante o Sporting) estivo aí connosco, estiveron de 10. E iso para nós é un plus. Todos os partidos que teñamos en casa, ter o estadio cheo, para nós será un xogador máis".

Ademais, subliña que fóra de casa a presenza do deportivismo "é un xogador máis. En 2 estadios que habemos ir practicamente temos máis xente que os que xogan como local, iso di moito do Dépor. Témonos que deixar a pel por esa xente que vén apoiarnos cada semana. Daremos todo o que podamos. Ás veces perderemos, pero darémolo todo por eles".

Tralas derrotas en Zaragoza (Copa) e Alcorcón (liga), "é importante para o equipo, para a afección volver gañar. Pero sobre todo encarar o partido con moitísimas ganas, con ese afán de querer deixar os 3 puntos en casa. Será importante para enganchar esa dinámica gañadora que tiñamos antes da semana de Zaragoza".

Os ánimos no vestiario están "ben", a xuízo do defensor deportivista. "Temos que darlle moitísima naturalidade á liga, tanto cando ganas como cando perdes. Despois do Sporting non somos o mellor equipo da historia nin despois de Alcorcón somos o peor. Tes que dar naturalidade na vitoria e na derrota", engade.

Iso si, pide "da semana pasada aprender dos erros que tivemos nos dous partidos e tentar solucionalo canto antes para o luns".

Do conxunto andaluz, di Pablo Marí que "este ano vai estar dando guerra". Vaticina un partido "bonito. É importante poder gañarlles porque nos achegamos a estar arriba outra vez. Sobre todo expoñernos que hai que ir gañar e xa está. Hai que seguir facendo ben as cousas que nos han ir ben até agora, plasmar no campo o que nos transmite o míster e traballamos toda a semana, e saír o luns a gañar".

Destaca do Granada a Adrián Ramos, o seu dianteiro: "Creo que está a un nivel moi alto. Os centrais, xogue quen xogue, temos que facer un gran partido para tentar anularlle un pouco; e sobre todo centrarnos nunha boa saída de balón porque iso nos axuda bastante a todo o equipo".

A nivel persoal, cos últimos 2 partidos como titular, atopouse "bastante ben. Estou a asentarme un pouquiño na posición. Domingos é un central que che axuda moito a estar ben centrado no teu. Nestes 2 partidos atopeime moi ben con el. Tento dar todo o que podo dentro do campo para tentar xogar todas as semanas".