RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Trigueros, na súa presentación: "Como te obsesiones co ascenso non consegues nada"

Pablo Trigueros Estrada (Herreruela de Oropesa, Toledo, 4 de marzo de 1993) foi presentado esta mañá como novo xogador do Deportivo para a próxima temporada.

O defensor branquiazul e o Presidente da entidade, Antonio Couceiro, saudáronse ante os medios gráficos no campo principal de Abegondo e posaron coa nova camiseta branquiazul.

A continuación, en rolda de prensa, afirmou que se está atopando nestes primeiros días na Coruña "moi ben, contento de estar aquí. As sensacións miñas son boas. Aos poucos collendo ritmo nos primeiros partidos de pretemporada. E as sensacións do equipo igual, boas. Veremos cando teñamos rivais de categoría superior onde está o equipo para o inicio de liga".

Firma polo Dépor pero procede do CD Mirandés de Segunda División, unha categoría superior; e explica para iso que "o Deportivo é un histórico, un equipo no que todo o mundo quere estar. Xa o ano pasado tiven a oportunidade. Non vin por como estaba a situación co tema do COVID. Non ten nada que envexar (o Dépor) a moitos clubs de Segunda División porque é un dos clubs máis profesionais nos que estiven".

E comprométese un ano: "Foi o que propuxo o Club e o que eu quería. Veño coa intención de ascender. Logo pódese dar ou non. Pero o meu obxectivo é estar o ano que vén xogando en Segunda División se ascendemos. E se non se falará e tomarase a decisión correcta", apunta Pablo Trigueros.

O defensor branquiazul coincidiu con Borja Jiménez no Rápido de Bouzas; co que quedaron ás portas de disputar o play off de ascenso a Segunda División. "Nun ano que ninguén esperaba de nós fixemos unha temporada espectacular. Coñéceme ben, eu a el tamén á perfección. Contento de estar aquí con el. Esperemos que sexa un ano bonito como foi cando estiven con el", lembra.

Ao referirse ao obxectivo do Deportivo esta temporada, advirte que "ou vas partido a partido ou como te obsesiones co ascenso non consegues nada. Hai que traballar aos poucos, sumar puntos en campos. E logo xa veremos onde está o equipo. Se se pode ascender obviamente é o que queremos todos".

Con varios canteiráns cada día nos adestramentos e nos partidos amigables, veos "moi ben, que sigan apertando. Teñen unha carreira por diante moi bonita. Teñen nivel para demostrar por que están aquí connosco".