RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Partido sen goles e con dous penaltis non sinalados en Cádiz (0-0)

O Dépor conseguiu un novo punto a domicilio nun partido que deixou varios ceros (os goles e os córneres a favor), un único punto e dous penaltis non sinalados: un non advertido polo VAR a pesar da súa claridade e o segundo sinalado fóra da área cando a man é dentro.

Para afrontar o choque ante un dos equipos que encabezan a categoría, Juan Antonio Anquela, apenas tocou o equipo con respecto ao pasado mércores. Eneko Bóveda suplía no lateral dereito a David Simón e Borja Galán ao sancionado Mamadou Koné.

Camiño do minuto 3 o Dépor aproximouse por primeira vez á área cadista cun remate de cabeza frouxo de Christian Santos que atrapou sen problemas Cifuentes. A partir dese momento o dominio inicial do Deportivo en campo local foise escapando cara á outra metade do terreo de xogo.

A primeira do Cádiz chego pasado o minuto 8 cunha boa triangulación que rematou na frontal da área pequena Salvi Sánchez, interceptando e enviando a córner nun bo cruzamento os centrais do Dépor. Supuxo o inicio do asedio dos gaditanos, forzando tres córneres máis de forma case consecutiva, o último deles mercé a unha gran man de Dani Giménez a remate de cabeza de Juan Cala que estivo a piques de supor o primeiro gol local.

No vinte da primeira parte unha rápida contra do Dépor, iniciada nun toque de cabeza de Santos e un pase de Aketxe para unha veloz galopada de Borja Galán, acabou cun disparo seco e duro con perna zurda do madrileño, obrigando á estirada de Cifuentes.

No trinta e dous chegou unha nova ocasión para Gaku, após pase en profundidade de Álex para Salva Ruiz e asistencia atrás do valenciano ao xaponés para o disparo alto do internacional deportivista. Até ese momento o balón foi case en exclusiva para un Cádiz incapaz de facer dano a un Dépor que se defendía ben.

O VAR non foi capaz de advertir a Arcediano Monescillo dun penalti flagrante sobre Chrstian Santos que case perde a camiseta do agarrón que o mandou ao chan en busca do remate. E é que a primeira metade foron 45 minutos de choques constantes do venezolano cos defensores amarelos en busca do control da pelota.

A contundencia de Perea e Bóveda practicamente no mesmo punto do terreo de xogo supúxolles senllas amoestacións nun partido no que os dous equipos xogaron con forza pero sen exceder os límites para frear ao contrario e neutralizarse como reflectía o marcador ao descanso.

Após o intermedio dous córneres consecutivos, dominio local e un disparo de Salvi atallado após bote por Dani Giménez, foron os argumentos dos primeiros 8 minutos ata que o Dépor empezou a combinar en ataque. Foi un control visitante moi curto antes de que o Cádiz volvese meter atrás aos branquiazuis, con outros dous saques de esquina seguidos, un deles con disparo final desde a frontal de Iza que a punto estivo de coarse entre unha maraña de pernas de xogadores dos dous equipos.

Os primeiros cambios chegaron no Cádiz cun dobre movemento. Alejo, recentemente entrado no campo, buscouno desde moi lonxe cun bo tiro, pero moi centrado, polo que Dani non tivo problemas para liquidalo. A quince do final o Dépor dispuxo dunha boa ocasión cunha falta para Aketxe (que o VAR revisou porque era sobre a liña frontal da área e as repeticións evidencian que o defensor está dentro), unha falta que acabou saíndo polo lateral após atopar a cabeza dun defensor na súa traxectoria.

Mellor tívoa Jovanović dous minutos despois recentemente entrado no campo. Após asistencia de Álex, o serbio deu a volta só dentro da área para enviala rasa desviada moi preto do pau esquerdo da portería defendida por Cifuentes. Foi a máis clara para o Deportivo no partido.

Os últimos minutos do choque foron de chegadas constantes do Cádiz con balóns colgados á área do Dépor rematados fóra polos xogadores locais. A mellor, cando o cuarto árbitro mostraba os 5 de prolongación, cun remate de Caye Quintana. O Dépor só puido responder antes do final cun disparo de Aketxe no desconto atallado pola meta local.

O máis destacado das postrimerías foi o debut de Yago Gandoy para pór o epílogo ao primeiro partido sen goles encaixados da temporada que dá ao Dépor o seu sexto punto da campaña.

Cádiz CF: Cifuentes, Iza (Querol, min. 83), Cala, Mauro, Franco, Garrido, José Mari (Quintana, min. 67), Salvi Sánchez, Álex Fernández, Perea e Nano Mesa (Alejo, min. 67)

RC Deportivo: Dani Giménez; Eneko Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz, Bergantiños, Gaku, Mollejo (Jovanović, min. 78), Aketxe (Yago Gandoy, min. 90+5), Borja Galán (Luis Ruiz, min. 88) e Christian Santos.

Árbitro: Arcediano Monescillo (c. Castela-A Mancha). Amoestou a Perea (min. 40), Bóveda (min. 45), Marcos Mauro (min. 74), Borja Galán (min. 84) e Anquela (min. 90+5)

Incidencias: partido da 7ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Ramón de Carranza ante 16.027 espectadores, case 200 deles do Deportivo.