RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Pase o que pase en Málaga hai que seguir confiando, hai que estar tranquilo", apunta David Simón

David Simón relativiza a importancia do resultado do partido deste domingo 24 de febreiro en La Rosaleda ante o Málaga CF (18:00 horas, Movistar Partidazo): "Son 3 puntos importantes pero xa dígoche eu que en Segunda pasan moitas cousas durante todas as semanas". "É importante pero non creo que sexa unha final aínda. Poden pasar moitas cousas aínda", insiste.

É máis, o lateral canario subliña que "pase o que pase hai que seguir confiando, hai que estar tranquilo. Facendo as cousas como as estamos facendo ultimamente fóra de ABANCA-RIAZOR temos moitas posibilidades de sacalo. Hai que confiar".

Na súa opinión, o defensor deportivista pide "ir alí a facer o noso traballo. Sendo nós mesmos podemos conseguir os 3 puntos".

Do conxunto malaguista, destaca que "está moi ben traballado. Defensivamente son moi fortes e despois tentan aproveitar as que teñen. Vai ser un partido complicado, como todos".

A receita do ascenso para David Simón pasa pola "paciencia, a tranquilidade, non renderse, estar aí, estar aí, estar aí. Nós que fomos tan regulares, que é verdade que moita xente di que non nos puxemos primeiros, pero sempre estamos entre os 4 primeiros, viranos esa oportunidade de chegar aí e non a desaproveitaremos".

Achaca os últimos empates en ABANCA-RIAZOR á falta de puntaría: "Tivemos ocasións bastante claras, bastantes chegadas, e ao final faltounos un pouco a puntaría. Hai que ser máis eficaces como o fomos durante todo o ano. Hai que seguir traballando. En ABANCA-RIAZOR somos fiables, demostrámolo co xogo, con esas ocasións, esas chegadas. Estes últimos empates, miras as estatísticas dos rivais e case non nos tiraron a portería e nós chegamos moitas veces".

Finalmente, alégrase do regreso ao grupo de futbolistas que estaban lesionados: "Se estamos todos sans subirá o nivel". É máis, cre que a pesar de que poden acusar a inactividade, porque "non é o é o mesmo adestrar que competir, hai xogadores con experiencia e outros con ilusión e ganas. Se lles toca farano xenial".