RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera fala de "ambiente espectacular" no vestiario deportivista

Pedro Mosquera manifestou na sala de prensa que este ano "temos máis unión todos. Levámonos todos incrible. Facemos moita vida en Abegondo, cos almorzos, as comidas. Este ano hai un ambiente espectacular".

O centrocampista coruñés cre que a pesar de encarar este domingo 30 de setembro no Nou Estadi de Tarragona ante o Nàstic (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) o seu quinto partido de 7 lonxe do Estadio ABANCA-RIAZOR neste inicio de campionato "podiamos ter máis puntos dos que temos. Houbo partidos que se nos escaparon nos últimos minutos. Estariamos aínda máis arriba".

Iso si, na súa opinión o balance é "positivo. Temos bastante marxe de mellora e o equipo vai a máis".

Lembra non obstante que xogar na Coruña "é máis positivo para nós, polo campo, pola xente, pola afección. Estamos a adaptarnos a xogar fóra e dentro do que cabe os resultados non foron malos do todo. Temos que tentar encadear dous partidos seguidos que nos vai a facer estar arriba".

Ante o Nàstic e tomando como referencia a última derrota na visita ao Alcorcón, pide Mosquera "tentar facelo mellor, mellorar as cousas que non fixemos ben nese partido, tentar desde o principio facer o que facemos en casa, dominar, ter ao equipo contrario pechado no seu campo", engade.

Sobre a súa posición no esquema do técnico deportivista, recalca que "xogo onde me diga o míster. En pretemporada xoguei en varios sitios. Pero é verdade que é aí (na posición de 5) onde máis cómodo me atopo. Neste inicio de temporada dos 6 partidos xoguei 3 de titular. As sensacións son boas, pero sempre tentando mellorar, tentando ir a máis como todo o equipo. Temos marxe de mellora todos, individual e colectivamente. Iso vai facer que nos próximos partidos o equipo vaia collendo máis nivel".

Explica Pedro Mosquera que o rombo é un esquema "máis posicional. Non tes que moverte tanto dun lado para outro. Cada un ten que respectar a súa posición, respectar a circulación dos centrais, manter un pouco máis a posición do centro; variando a saída de 2, a saída de 3. Todos estamos a mellorar moito no que incide o míster".