RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel cre que, a falta de completar o cadro, "con garantías competimos seguro"

Pepe Mel foi o protagonista na última rolda de prensa da concentración do Deportivo no Hotel Attica 21 de Vilalba, onte xoves.

Valorou positivamente estes días do equipo na localidade lucense: "Cubrimos os prazos que esperabamos facer. Era unha concentración levada á convivencia máis que outra cousa. Manter o estado físico do equipo, creo que o fixemos ben".

Agradeceu a "axuda de Patricia (Ramírez, psicóloga). Traballei eu con ela moitos anos. É unha boa profesional. Estivo connosco aquí, axudounos a facer un grupo compacto".

Razoa o adestrador deportivista que "imos competir contra grupos, non contra equipos. Os equipos están do dez para adiante. Do dez para abaixo os que triunfan son os que son grupos, unidos, xuntos, grupos compactos como Eibar, Leganés, Alavés... Son os que van loitar connosco".

Mel apunta que "aquí (en Vilalba) tentamos que todos pensemos igual, que todos teñamos os mesmos obxectivos, que teñamos a ambición de ser mellores".

Cara ao choque do domingo 20 de agosto no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid (22:15 horas, Movistar Partidazo), lembra que o Deportivo está en desvantaxe porque "eles cando xoguen contra nós será o seu cuarto partido oficial. Non é unha pretemporada normal para o Real Madrid. Non é a típica de xiras, de partidos. Competiron tres veces para conseguir dous títulos. Niso estamos en desvantaxe. Tentamos nós chegar o máis limpo de pernas posible e con todo traballado".

Sobre precisamente o choque do Real Madrid como primeiro partido de liga, opina que "o deportivismo terá a ilusión de empezar ben ante un equipo moi difícil. Iso nós sabémolo. Así que preparados para tentar que non leven unha decepción".

Preguntado sobre a portería, admite que é unha posición que "miramos de esguello. Temos que estar atentos ao mercado. Como sabedes fixemos un intento por asinar a un futbolista que acabou índose ao seu país. Temos un oco por cubrir, aínda que eu sigo insistindo que se vén a min só gustaríame ter dous porteiros profesionais".

Desvela que á Dirección Deportiva "nunca lle dou nomes. Digo as posicións que eu vexo que temos que mellorar e as características dos futbolistas que quero para esa posición. A partir de aí Richard (Barral) e a Secretaría Técnica empezaron a traballar e empezan a saír nomes. Tentas apuntar todo o máis alto posible e iso é o que fixemos. Estou contento coa chegada de Fede (Valverde), de Cartabia, de Bakkali. A xente que veu mellóranos, fainos ser máis fortes. Contento coa renovación de Guillherme. Se ao final Sidnei queda, vainos a axudar. Pero o cadro para min non está completo".

Iso si, deixa claro Pepe Mel que "con garantías competimos seguro. Se tivésemos que facer a liga enteira con este equipo, teriamos garantías".

Tamén a petición dos medios de comunicación, aclarou a situación de Carles Gil: "Ao non ser do Dépor non puidemos tomar decisións que lle afectasen. Foise de vacacións. Ten unha lesión que a tes hoxe, paras un ano, e cando volvas sigue doéndoche. É moi complicada. Unha vez que está aquí connosco imos tentar recuperarlle para ver se pode estar connosco. Difícil, case imposible, que estea co Real Madrid. A partir dese partido veremos se pode estar, ou cando volvamos do parón. E se non é así haberá que tomar outras decisións que a min non me corresponden. Pero seguro que ser máis agresivos".

Bromea sobre as declaracións de Guilherme, nas que vía o obxectivo do equipo estar entre o oitavo e o decimosegundo: "A miña idea é quedar entre o un e o dous. Isto é fútbol profesional. Eu non compito para quedar ben, compito para medalla de ouro. Logo cada cousa vai ao seu sitio. Pero a nosa ambición ten que ser gañar o primeiro partido ao Real Madrid. Ese é o obxectivo que lle marcamos toda esta semana en Vilalba. Non pensamos máis aló do Real Madrid. Imos empaparnos dos dous partidos que lle quedan. Imos traballar forte e a porllo moi difícil".