RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel cre que tras gañar ao Alavés "os futbolistas ven que son capaces"

Pepe Mel, técnico deportivista, asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "sabemos o que nos espera ante o Espanyol", mañá domingo 24 de setembro ás 12:00 horas (Bein LaLiga) no RCDE Stadium.

Explica que o rival, o conxunto espanyolista, "está moi xunto, co 4-4-2, con nada de espazo entre liñas, con saída de velocidade rápidas. Temos que ser moi fortes nas vixilancias e nas transicións. O Celta perdeu en dous balóns que non soubo administrar no centro do campo. A velocidade de Piatti, de Leo Baptistao, de Gerard mátate".

Advirte Pepe Mel que haberá algún cambio no once inicial respecto ao do pasado mércores no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Alavés: "Tivemos tres partidos. Pensamos en todas as posibilidades, xente que estea máis tocada, xente que tivese algún problemilla. Algún cambio seguro que haberá".

A xuízo do adestrador branquiazul, e despois da primeira vitoria ligueira, "é máis fácil facer as cousas a través do resultado positivo. O xogador recobra a confianza no que está a facer".

Lembra que ante o Alavés "empezamos con titubeos, algo que era normal porque viñamos de non gañar. Aos poucos fomos mellorando e creo que fixemos unha moi boa segunda parte cun final da primeira tamén bo. Ao final fomos mellores que o Alavés. Tivemos que gañar cun resultado máis cómodo pero ao final gañamos. Iso dáche confianza. Os futbolistas ven que son capaces. Estou seguro que o único que pode suceder é mellorar".

A pesar de estar o equipo en descenso, Pepe Mel pide "deixala (a clasificación) de momento. Está claro que se na xornada 5, de 15 puntos ti fixeches 4, é normal que moi arriba non esteas. O que temos que tentar é que nos seguintes 5 partidos, no canto de 4 puntos fagamos moitos máis. Non hai máis voltas que esa".