RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Non hai escusas para polo menos tentar facelo ben"

Pepe Mel manifestou esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "estamos a traballar sobre unha idea, que é unha idea que se ten que quedar no equipo. Xogar cunha idea base para todo o ano. Co mercado xa pechado, con todos os futbolistas aquí, o primeiro partido para empezar a ver esas cousas é o de mañá (12:00 horas, Bein LaLiga). É unha proba importante para nós".

Nesta liña, subliña que "non hai escusas para polo menos tentar facelo ben. O equipo vai tentar facer as cousas. Daquela isto xa é un xogo e hai cousas que ti non dominas. Pero o Dépor ten que tentar saír a facer as cousas ben e cunha idea clara".

Debullou o que quere para o seu equipo: "Dous xogadores arriba; dous xogadores por banda que nos dan un contra un, que nos dan criterio; dous mediocentros se é posible de diferentes perfís, esta semana seguro que o temos máis difícil polo de Celso e polo de Fede (Valverde); e unha defensa que xogue de memoria. Con todo isto o sistema pode variar por condicións do equipo rival, por situacións no campo, por cousas que teñas que variar".

Da Real Sociedad, rival mañá domingo 10 de setembro na terceira xornada ligueira, destaca Pepe Mel que "xoga de memoria, porque son os mesmos futbolistas co mesmo adestrador hai tempo. Iso só ten cousas boas, nunca ten cousas malas". "Basea todo nos tres de dentro, Illarra, Xabi Prieto e Zurutuza son xogadores que se coñecen cunha venda nos ollos, e cando lles faltou algún dese tres, por exemplo o ano pasado aquí, a Real reséntese", engade.

O técnico deportivista explicou que Lucas Pérez, novidade na lista, "necesita ese espazo de tempo de pretemporada que non tivo. Non podemos correr o risco de perder a Lucas no primeiro partido. Iso sería tremendo. Necesitamos a Lucas para todo o ano, non para o partido da Real Sociedad".

Iso si, advirte que "o número 7 (o que loce Lucas na súa camiseta) vén axudar. Vén facernos mellores. Tampouco hai que basealo todo nel, tampouco hai que poñer a responsabilidade nel. Isto é un grupo, é un equipo. Somos 25 xogadores profesionais con ficha máis os do Fabril, que están para axudar e facer un bo ano".

Sobre Celso Borges e Fede Valverde, os dous últimos futbolistas en incorporarse aos adestramentos tras o seu paso polas súas respectivas seleccións nacionais, dixo que "son xogadores importantes que veñen de competir, de facelo ben cos seus equipos. Veñen con boa autoestima, coa moral arriba. Pódennos axudar. Borges chegou máis fresco que Fede. Faino o oficio, a idade".

Confirmou que Tytoń será o porteiro elixido para ocupar a portería: "O sentido común, a xustiza e moitas cousas dinme que ten que xogar Tytoń. Estou moi contento coa fichaxe de Pantilimon. É un porteiro que nos sobe o nivel tamén. A competitividade vai ser boa. Eu quería que aí tamén fixésemos algo, máis aló de que non me gusta porqué foi. Rubén fixo un gran partido contra o Levante e estaba a se afianzar no posto".