RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel, novo adestrador do RC Deportivo

José Mel Pérez (Madrid, 28 de febreiro de 1963) converteuse este mediodía en novo adestrador do RC Deportivo ata final de temporada, con opción de ampliación. Da man de Pepe Mel chegan ao Club Roberto Ríos, segundo adestrador, David Gómez, preparador físico e José Gordillo, analista.

Na súa etapa como xogador, Pepe Mel foi un prolífico goleador, un dianteiro centro á antiga que se consagrou como máximo anotador de Segunda División na Temporada 1989-1990. Con todo, apenas puido gozar dunha campaña na elite do fútbol nacional, na que demostrou a súa valía, ao marcar 14 goles en 31 partidos co Betis. Precisamente, o equipo verdibranco marcou a maior parte da súa carreira deportiva.

Nos 109 anos de vida do club verdibranco, só Lorenzo Serra Ferrer (262) dirixiu máis partidos oficiais que Mel (202). O preparador madrileño logrou na escuadra do Benito Villamarín os seus principais éxitos nos bancos, cos ascensos a Primeira División en 2011 e 2015 e a clasificación para a Europa League tras lograr a sétima praza no curso 2012-2013.

Rescindido mediada a campaña seguinte, co conxunto helipolitano ocupando a última praza da táboa, foi fichado polo West Bromwich Albion. Os 'Baggies' evitaron o descenso á segunda categoría inglesa con Mel no banco, algo que non puido facer o Betis após o troco na súa dirección técnica.

Pepe Mel regresou a Heliópolis mediada a seguinte campaña, co Betis na terceira posición da categoría de prata. Os verdibrancos fixeron unha memorable segunda volta (15 triunfos, 6 empates e só 3 derrotas baixo a súa dirección) acabaron regresando a Primeira sendo indiscutibles campións.

No seu regreso á elite, Mel tivo que deixar novamente a dirección técnica, cando o Betis ocupaba a 15ª praza xusto ao finalizar a primeira volta perdendo, o 9 de xaneiro de 2016, no Coliseum Alfonso Pérez de Xetafe (1-0).

Mel dirixiu un total de 153 partidos en división de honra (136 en España e 17 en Inglaterra) e ao longo da súa carreira adestrou ao Coslada (1999-2000), Mérida (2000), Murcia (2000-2001), Tenerife (2001-2002), Getafe (2002-2003), Alavés (2003-2004), Poli Ejido (2004-2005), Rayo Vallecano (2006-2010), Betis (2010-2013), West Bromwich Albion (2014) e novamente Betis (2014-2016).