RCD / NOVAS

Pepe Mel: "O equipo dá pasos cara a adiante"

30/09/2017 16:32

Pepe Mel subliñou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, unha vez finalizado o choque ante o Getafe CF, que "o equipo dá pasos cara a adiante. É certo que son pequenos. Temos que dar moitos máis para conseguir as cousas que nos propomos".

Recalca o técnico deportivista que "vexo ao equipo mellorar. Temos unha ampla marxe de mellora e cousas que traballar. Estou aquí para traballar mentres que o Dépor queira".

Mel lembra que "non adestrei ao Real Madrid, nin ao Barcelona, nin ao Bayern de Múnic. Todo o que conseguín foi a base de moito traballo, cando empecei en Rexional Preferente. Levo 18 anos de adestrador. Vivín estas situacións moitas veces. Sabía que hoxe iamos traballar ben".

Subliña que "a harmonía do grupo é importante. O grupo está xunto para facer as cousas. E así se demostrou. Tanto os que xogaron como os tres que saíron logo. Achegaron cousas e fixeron ben as cousas".

O adestrador branquiazul advertiu que "a presión era para min, porque eles mañá ían ser traballadores do Dépor si ou si. Fixérono ben. Responderon ben. Todos demostraron que queren gañar, que queren sacar desta situación ao Dépor. Alégrome por eles, porque ao final son os protagonistas verdadeiros".

Pola súa banda, José Bordalás, técnico do Getafe CF, indicou que o partido "tivo de todo, con moitas alternancias".

Recoñece que na primeira metade, "vímonos superados, sobre todo por banda dereita. Xeráronnos moitos centros. De feito, Guaita estivo moi ben en dúas ou tres intervencións. O equipo meteuse moi atrás incomprensiblemente. O Deportivo estivo moi cómodo con balón".

Tras o descanso, "o equipo estivo máis metido, máis cómodo. Puxémonos por diante. De feito puidemos facer o 0-2. Isto ten o fútbol. Ao minuto fixéronnos o gol do empate, tivemos uns minutos de dúbidas. Logo recuperámonos. E logo nun minuto decisivo fixéronnos o 2-1".

Máis novas de: PEPE MEL