RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pistoletazo de saída para a primeira quenda dos DeporCampus Cabreiroá 2017, esta semana con 346 nenos entre Abegondo, Caranza e Zas

Hoxe luns arrancaron os DéporCampus Cabreiroá 2017 en Abegondo, Caranza e Zas, cun total de 346 nenos e nenas entre as tres sedes.

Por exemplo na sede central de Abegondo, a actividade foi dividida por categorías. Os biberóns e prebenjamines estiveron no campo 8; os benjamines e alevíns no campo 7; e os infantís e cadetes no campo 6 da cidade deportiva.

Todos eles irán rotando os campos cada día, para que todos os nenos adestren en herba natural.

Con 14 quendas aínda abertas á inscrición, xa se superaron os 1.000 inscritos. Deste xeito, alcánzanse dous terzos dos participantes na edición 2016 (foron 1.548 nenos e nenas, deles 1.068 en Abegondo). Este ano, a sede central na Cidade Deportiva do RC Deportivo pasa de 3 a 5 semanas de actividade (esta última de xuño e todo xullo), polo que a previsión é superar os 2.000 participantes.

Os DéporCampus Cabreiroá estrean este ano 4 sedes: As Pontes, Santiago, Ordes e Zas, que se suman ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Rianxo, Bertamiráns, Ferrol, Monforte e Xenebra (Suíza).

O RC Deportivo organiza esta actividade dirixida polos técnicos do Club co obxectivo de transmitir habilidades e conceptos futbolísticos, ademais dos valores que representa o Dépor: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade.

Máis aló das actividades, o equipamento deportivo (composto de camiseta, pantalón e medias), a froita e o zume diarios, o diploma final, a visita dun dos xogadores do primeiro cadro deportivista (sempre dentro das posibilidades do calendario do equipo) e un sorteo final de agasallos, son outros dos atractivos dos DéporCampus Cabreiroá, que teñen un horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

En todos os casos, os accionistas e socios do RC Deportivo gozan dun desconto, igual que as familias con máis dun membro en paro ou as que inscriban máis dun fillo, ademais das que cada Club coorganizador determine en cada caso.

Desde esta edición 2017, toda a xestión dos DéporCampus Cabreiroá realízase a través da nova páxina da actividade: deporcampus.rcdeportivo.es/gl. Nela pódese atopar toda a información común a todos os DéporCampus Cabreiroá e específica de cada unha das sedes.