RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pleno de puntos dun Dépor sólido en todas as liñas

Após un inicio de temporada que non se daba desde hai tres lustros, con dúas vitorias consecutivas, o reto do Dépor era tratar de manter a xeira co segundo encontro a domicilio consecutivo. De novo viaxe até Castejón para desprazarse neste caso a Calahorra con cambios iniciais en varias posicións por parte de Borja Jiménez, o último deles forzado polas molestias de Jaime Sánchez durante o quecemento para deixar o seu sitio a Trigueros.

Outra das reposicións con respecto á semana anterior, o anotar ao pouco de superar o minuto 5, neste caso cunha xogada de Víctor, hoxe lateral dereito, con Doncel para que o catalán deixase atrás. Na frontal da área recibiu Quiles que coa esquerda definiu para pór en vantaxe ao Dépor e, como hai seis días, poder desde ese momento manexar con algo máis de comodidade o tempo do partido.

O CD Calahorra tratou de reaccionar rápido, primeiro cun balón ao lateral da rede de Madrazo e no minuto 11 un remate de socato coa punteira de Tarsi Augado, obrigando a Mackay a actuar con espectacularidade. Xa antes do gol visitante, e despois no 17, o gardameta coruñés interveu con comodidade ante senllos disparos rasos.

A alta porcentaxe de acerto logrou mantela o Dépor grazas a unha xogada de Quiles na frontal da área que cortou un defensa vindo por detrás para asistir a Miku que no bordo da área pequena, só ante o porteiro, rematou para dentro facendo o segundo gol do partido.

O Calahorra tentouno de falta directa por mediación de Fran Rodríguez mentres que o punto final do primeiro tempo púxoo unha gran xogada de Juergen, Doncel e Quiles. O rexeite da zaga chegou ás botas de Elitim que desde a frontal mandou raso ás mans de Iricibar.

O segundo tempo seguiuno manexando ben o Dépor, pero sen xerar chegadas nin excesivo perigo en área contraria. As ocasións máis claras foron locais cun lanzamento de Ugarte por encima da portería, unha estirada de Mackay á cepa do pau a tiro de Álex Arias e un remate de cabeza do propio Ugarte ao traveseiro.

Co final do partido, e todos os movementos de banco en ambos os equipos xa completados, o Dépor dispuxo das súas mellores oportunidades polo costado esquerdo. Unha incorporación de Granero por banda até área local non puido aproveitala Aguirre, que recibiu do defensor en punto de penalti, pero non puido enviala dentro. Un calco deses xogada instantes despois, protagonizada agora como asistente polo propio Aguirre, serviu para que Noel, en boca de gol, cun gran xesto técnico, quedase só para marcar o 0-3 definitivo e abrazar após a portería a unha afección do Dépor que, despois de moitos anos, pode gozar de 9 puntos de 9 posibles nun solvente arranque de temporada.

CD Calahorra: Iricibar, Rodríguez (Imanol Barace, min. 86), Ugarte, Cristian Fernández, Zabaleta, Jesús Álvarez, Aguado, Madrazo (David Soto min. 57), Manuel Ramírez (Álex Arias, min. 57), Vicente (David Grande, min. 69) e Yurrebaso (Jorge Martínez, min. 57).                                

RC Deportivo: Mackay, Víctor García (Borja Granero, min. 82), Lapeña, Trigueros, Héctor, Álex, Rafa de Vicente, Juergen (Aguirre, min. 82), Doncel (Mario Soriano, min. 61), Quiles (Noel, min. 82) e Miku (Villares, min. 71)

Goles: 0-1 Quiles (min. 6); 0-2 Miku (min. 34); 0-3 Noel (min. 90+3)

Árbitro: Etayo Herrera (c. Vasco). Amoestou a Miku (min. 42), Lapeña (min. 79) e Noel (90+3)

Incidencias: partido da 3ª xornada da Primeira RFEF, disputada no Estadio da Planilla con dous centos de Deportivistas nun dos fondos do estadio rioxano.