RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quiles: "O ascenso pasa por tentar gañar en ABANCA-RIAZOR os máximos partidos posibles"

Alberto Quiles alertou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que un filial, en referencia ao Real Valladolid Promesas, rival este domingo 12 de decembro en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, Footters), "parece que está abaixo, parece que non fai dano, pero ten xogadores bos, que están para axudar ao primeiro equipo e que se teñen o día pois pódenche facer moito dano. Nós xa o sabemos, sabiámolo tamén o día do Athletic B e por iso hai que tentar saír desde o principio a polo partido e non darlle o que teña ocasión, que veñan arriba, porque cando os xogadores dun filial veñen arriba son bastante bos. Entón creo que temos que ir desde o principio a por eles".

O dianteiro deportivista desvela que do partido do pasado sábado na Malata, "vimos o vídeo, comentamos polos erros e os acertos que tivemos, como facemos sempre. Do tema dos árbitros tampouco falamos moito porque un día che van a axudar e outro che poden prexudicar. Iso non depende de nós. Temos que seguir facendo ben o que estamos a facer ben e arranxar os erros que temos".

Despois de dous empates consecutivos, advirte o ariete deportivista que "a todo o mundo gústanos gañar, pero dentro do que é o Club e a esixencia que ten, tentamos darlle normalidade. Sempre saímos a gañar, pero é moi difícil porque hai rivais que che estudan moito, sempre xogar contra o Dépor é un plus, hai máis motivación. Todos os rivais queren conseguir empatar ou gañar ao Depor. Entón non todos os partidos van ser fácil. O importante é ir sacando puntos e sacando vantaxe sobre o rival que nos segue e estar aí arriba todo o ano".

De regreso o domingo a ABANCA-RIAZOR, onde o equipo no que vai de temporada só cedeu dous empates, Quiles afirma que en casa "temos que ser súper fortes, deixarnos os menos puntos posibles porque o ascenso pasa por tentar gañar en ABANCA-RIAZOR os máximos partidos posibles e tentar non perder. Tamén #ANOSAFORZA axuda moito porque cando metes a 14.000 ou 15.000 persoas no estadio, os equipos iso sófreo e a nós tamén nos dá esa forza, ese alento que moitas veces se necesita para gañar os partidos".

Admite o futbolista andaluz que o equipo non está tan fluído en ataque e opina que "tamén é mérito do rival que che estuda, sabe como atacas; ou non tivemos esa sorte ou esa forma de crear tantas ocasións porque nestes dous últimos partidos de liga non tivemos esas ocasións que sempre temos para facer gol. Hai que traballalo durante a semana, hai que mellorar. Estou seguro que cos xogadores que temos, coa idea que ten o míster, volverán chegar esas ocasións e volveremos facer goles como até agora fixemos".