RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quiles pide seguir "na mesma liña de vitorias" e Álex ve a Dépor "fiable" e "camaleónico"

Alberto Quiles, autor do primeiro gol do partido, e o capitán Álex Bergantiños atenderon aos medios de comunicación ao finalizar o encontro ante o CF Rayo Majadahonda.

O dianteiro andaluz regresa á Coruña "moi contento polo gol que xa levaba unhas cantas xornadas sen meter. Hoxe tiven a sorte de facer gol, pero sobre todo contento polos 3 puntos que tiñamos aí ao Rayo Majadahonda pisándonos os talóns e sacámoslle agora 3 puntos máis".

Confesa que "necesitaba máis que o gol, ter boas sensacións. Xa as tiven no partido contra o UD Logroñés e adestrando estaba a volver a ter esas sensacións boas e hoxe encima meto o gol, pois moito mellor".

Lamentouse dunha oportunidade que tivo coa cabeza: "Xa levo dous, a de Irún e esta. Non sei se por mala sorte e tal o porteiro outra vez atópaa e párama; pero o importante é estar aí e rematar".

Con 29 puntos e líderes, Quiles pide "seguir igual, na mesma liña de vitorias, de ir a calquera campo a gañar e en ABANCA-RIAZOR moito máis aínda. Seguir gañando puntos para estar aí arriba".

Pola súa banda, Álex Bergantiños indica que "viñamos ante un rival da zona alta, un bo equipo no seu campo e creo que salvo os primeiros minutos que nos custou un pouquiño axustalo, tivemos o partido bastante controlado. Puidemos facer algún gol máis e contentos por gañar, para gañar fóra de ABANCA-RIAZOR, por volver á competición despois do que nos pasou a semana pasada, que tamén é importante ver como respondía o equipo e creo que satisfeitos en todos os aspectos".

A pesar de que o Dépor non logrou marcar o terceiro aínda que "tivo opcións para facelo, o equipo non sufriu en ningún momento. Estivemos moi seguros, tentando facer dano, non descompoñéndonos en ningún momento. O partido tivémolo controlado en toda a segunda parte".

Máis que co liderado, Álex queda con "sumar. Nunca sabes cantos puntos vas necesitar e tes que ir metendo puntos na túa conta; e contentos porque o equipo é fiable, concede pouco, iso faiche sentir que imos perder poucos partidos durante o ano; e un equipo que quere conseguir un obxectivo en calquera división de ser campión, ten que ser fiable sempre e creo que nese aspecto os días mellores ou peores que teñamos con balón, o equipo sempre compite ben, é fiable e iso dános a tranquilidade para seguir. Temos un grupo excepcional, con moita humildade... Calquera que está a xogar ou no banco está implicado ao cento por cento e agora estamos a gozar e vese no campo".

Subliña que "o que me ten máis satisfeito é que o equipo é un pouco camaleónico, capaz de adaptarse a distintos movementos tácticos, a distintos momentos de partido. Ao principio eles saíron mellor. Soubémonos axustar e logo na segunda parte, co marcador a favor, interpretar cando podiamos saír e cando non. O equipo sabe e está a aprender a manexar distintos rexistros que ao final é fundamental porque durante o ano vas ter distintos escenarios".