RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique catapulta ao Dépor ao grupo de cabeza (2-1)

O Estadio ABANCA-RIAZOR viviu unha nova xornada triunfal, coa segunda vitoria do Deportivo en dous partidos en casa, esta vez ante o Granada CF, ao que se impuxo cunha folgura superior á que indica ao marcador, mercé a un dobrete de Quique González na segunda metade.

Natxo González, preparador branquiazul, introduciu catro novidades con respecto ao once que presentou no encontro da pasada xornada en Alcorcón. Saúl ocupou o lugar do lesionado Diego Caballo no lateral esquerdo, mentres que Álex Bergantiños, Pedro e Fede Cartabia deixaron o seu sitio a Pedro Mosquera, Carles Gil e Quique, respectivamente.

No minuto 10 produciuse o primeiro disparo a porta do encontro. Rui Silva detivo con facilidade un zurdazo de Carles Gil desde dentro da área, despois de recoller unha deixada de cabeza de Quique. O '7' deportivista baixara das nubes un pase longo de Pablo Marí.

Até entón, ambos os conxuntos trataron de amarrar a posesión da pelota, con dominio territorial por parte deportivista ante un conxunto andaluz extremadamente precavido, mostrando apenas verticalidade no seu xogo.

Catro minutos despois, Carlos Fernández puxo en maiores apertos ao porteiro visitante, que despexou a córner un canonazo do dianteiro deportivista desde a frontal da área.

O equipo visitante disparou por primeira vez ao marco de Dani Giménez no minuto 18. Fede Vico tentou sorprender desde moi lonxe ao porteiro branquiazul. O lanzamento do centrocampista granadino foise moi por riba do traveseiro.

No ecuador do primeiro período, Pablo Marí cabeceou un saque de esquina. O seu remate picado, algo frouxo, detívoo Rui Silva con algunhas dificultades.

O Dépor engarzou unha gran acción de ataque no minuto 22. Iniciouna Vicente Gómez cun caño e continuouna Saúl cun autopase co que se coou na área. O centro raso do cántabro rexeitouno Rui Silva cando Carlos Fernández entraba ao remate. O balón caeu a pés de Quique, que cruzou en exceso o seu zurdazo. O coiro estrelouse na parte externa do poste esquerdo do portal visitante.

Xusto cando se cumpría a media hora, Carles Gil tentouno de novo. Saúl sacou de banda con rapidez para Vicente Gómez. O canario, desmarcado, lanzou unha suave cabezada cara á área para a chegada do valenciano que, forzado e coa súa perna mala, non puido precisar o remate. O seu dereitazo marchouse á dereita da portería andaluza.

Nos minutos finais do primeiro tempo, os xogadores deportivistas reclamaron unhas mans de Germán na área após unha cabezada de Quique. O colexiado non sinalou nada e acendeu aínda máis á parroquia herculina, que viña de ver como Moreno Aragón perdoaba unha e outra vez o cartón amarelo aos futbolistas do equipo andaluz.

Co empate sen goles chegouse ao intermedio, tralo cal ambos os equipos regresaron ao céspede cos mesmos 22 protagonistas.

Saíu o Dépor con ganas, forzando varios saques de esquina. Nun deles, Germán estivo a piques de introducir o balón na súa propia portería.

Pero o Granada deu un paso adiante e comezou a achegarse con certo perigo aos dominios dun inédito Dani Giménez. Primeiro nun libre directo que Vadillo enviou por riba do traveseiro. Pouco despois, nunha acción de Adrián Ramos, que rematou raso. O gardameta deportivista detivo con seguridade.

No minuto 58 volveu tentalo o Dépor, nun disparo de Carlos Fernández desde dentro da área, após unha deixada de Didier Moreno. O propio Carlos Fernández estivo a piques de abrir o marcador un minuto despois, após caracolear a todo aquel que lle saíu ao paso no interior da área. Rui Silva saíu para taparlle todas as vías cara á portería. O esférico acabou en córner.

Antonio Puertas buscou un novo disparo lonxano para o Granada, pouco despois de que Edu Expósito substituíse a Didier Moreno. O lanzamento do dianteiro andaluz perdeuse mansamente á esquerda do marco coruñés.

No minuto 66, Álex Martínez cometeu un claro penalti sobre David Simón. O lateral esquerdo visitante realizou un control excesivamente longo e cando foi a buscar a pelota levou por diante ao carrilero dereito branquiazul. Quique, que xa anotara desde os 11 metros no Heliodoro Rodríguez López de Tenerife, acertou de novo para poñer por diante ao Dépor.

Non pasaran nin dez minutos cando, cun Granada envorcado en ataque cunha falta a favor, Pedro Mosquera fíxose co rexeite e lanzou a Fede Cartabia, que acababa de suplir a Carles Gil, polo extremo esquerdo. O arxentino aguantou a tarascada de Germán, gañou a liña de fondo e centrou á área, onde ninguén foi capaz de rematar. O rexeite recolleuno Edu Expósito, que se internou polo carril contrario. O seu balón recolleuno Quique, que se revolveu sobre o seu marcador e á media volta enganchou un zurdazo axustado ao pau longo, imposible para Rui Silva. O Dépor abría brecha co cuarto tanto do dianteiro castelán en seis xornadas ligueiras.

Xa no tramo final, Carlos Fernández estivo a piques de redondear o marcador cun tremendo zapatazo desde 25 metros coa súa perna esquerda. Rui Silva quixo atrapar o coiro, que se lle escapou das mans. A fortuna para o porteiro portugués foi que a pelota saíu pola liña de fondo, provocando un novo saque de esquina.

Con todo, cando se cumpría o minuto 90, Montoro recortou distancias nun lanzamento de falta ante o que Dani Giménez nada puido facer.

A pesar dos esforzos do Granada, o Deportivo controlou á perfección o tempo de prolongación, para manter o pleno de vitorias en casa e alcanzar os 11 puntos, que lle meten de cheo no pelotón de cabeza de LaLiga 1|2|3.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Didier Moreno (Edu Expósito, min. 60), Pedro Mosquera, Vicente Gómez, Carles Gil (Fede Cartabia, min. 74), Carlos Fernández e Quique (Álex Bergantiños, min. 90+1).

Granada CF: Rui Silva, Víctor Díaz, Germán, Martínez, Álex Martínez, Montoro, Fede San Emeterio, Fede Vico (Pozo, min. 63), Vadillo (Juancho, min. 83), Adrián Ramos (Rodri, min. 74) e Antonio Puertas.

Goles: 1-0 Quique, de penalti (min. 68); 2-0 Quique (min. 77); 2-1 Montoro (min. 90).

Árbitro: Moreno Aragón (c. madrileño). Cartón amarelo a Pablo Marí (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 6ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 13.820 espectadores. O HC Liceo, recente campión da Supercopa de España de hockey sobre patíns, realizou o saque de honra. No descanso, o RC Deportivo homenaxeou aos coruñeses e liceístas que se proclamaron campións de Europa o pasado verán no torneo celebrado na Coruña: Eduard Lamas, Ignacio Alabart, Xavi Malián e José Luis Huelves.