RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique González: "Cando un é feliz e está a gusto nun sitio as cousas adoitan saír ben"

Quique González confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar "moi contento a nivel persoal. Mellor imposible. Pero o importante é o colectivo. Eu estou aquí para sumar e desexo continuar así".

O dianteiro branquiazul, con 6 goles xa anotados na presente liga, evita comparacións en canto aos seus actuais números realizadores: "Sei o que é o Deportivo cando vin, sei os xogadores que pasaron por aquí. Eu veño sumar, para facer o meu traballo, o meu fútbol, e gozar. Sobre todo axudar ao equipo a gañar, que é o máis importante".

Móstrase "moi a gusto" non só co esquema de Natxo González, senón "a nivel humano. Acolléronme moi ben. Cando un é feliz e está a gusto nun sitio as cousas adoitan saír ben".

Pensa que "non só no fútbol, en calquera traballo ser feliz e estar a gusto coa xente que che rodea fan saír as cousas antes ou máis tarde. Sempre estás máis preto de que todo salga ben. A miña filosofía é traballo, traballo e traballo", engade.

Lembra que "sendo máis novo tócache pasar momentos duros, que che fan madurar. Chegar até aquí custoume moito. Agora que estou nun Club como o Deportivo con todo o que teño para ser mellor futbolista, non o quero perder. Por suposto que non me conformo".

Do Málaga, rival este domingo 7 de outubro no Estadio ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Movistar Partidazo), apunta que "o máis importante é que nós esteamos ben. Xogamos en casa, coa nosa xente. Facendo as cousas como facemos ultimamente, sabemos que imos ter as nosas oportunidades, as nosas ocasións. O importante é que esteamos ben e seguro que estaremos máis preto de gañar".

Define ao que é o seu actual compañeiro na dianteira, Carlos Fernández: "Coñecíao de velo xogar. É un rapaz moi novo, con moito futuro, con moita ambición, con moi bo trato de balón. Non só Carlos. Cando tes bos xogadores ao teu redor, todo é máis fácil, de entenderte, de compenetrarte... Todo iso fai que flúan as cousas". "Xogue quen xogue estou convencido que o vai facer igual de ben que Carlos ou eu. A competitividade é o máis importante dentro dun equipo que ao final faiche estar forte durante moitos meses", apostila.

Sobre o seu xogo, indica que "non só me conformo con meter goles. Son moi ambicioso. No meu caso, ademais de meter goles, tes que facer moitas cousas máis na miña posición de dianteiro. Es o primeiro dos que defende, tes que xerar xogo para os meus compañeiros, tes que ter mobilidade, aguantalas e deixar de cara, dar continuidade ao xogo... Isto é de moitos xogadores, non só dun. Tes que sumar todo o que poidas ao equipo, e o resto de compañeiros fará o mesmo".

Opina que o seu instinto goleador, para aproveitar calquera balón solto na área, "é algo que levas dentro, a intuición, o saber onde tes que estar. Moitas veces non participas no xogo pero... Moitas veces fas un desmarque ao espazo 5 veces e non cha dan; e o que non fixeches é a que che deron. Sempre tes que confiar até o final porque nunca sabes onde pode estar o gol neste caso".

Non se expón unha cifra de dianas aínda que "tentarei facer o maior número posible. Quero demostrar o meu fútbol para gañar e que o Dépor estea o máis arriba posible".

En plena xeira goleadora, non pensa nin quere pensar nun futuro que non sexa o presente do Dépor: "Agora o importante é gozar o momento, do que estamos a facer, que espero que sexa un camiño moi bonito. Pensar no futuro sería un erro tanto para min como para o colectivo pensar nun ascenso. Partido a partido e gozar do camiño, que é o máis bonito".