RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique González pide tranquilidade e centrarse "no noso que é xogar ao fútbol"

Quique González, após recibir na Cidade Deportiva o premio ao Xogador Estrella Galicia, manifestou aos medios de comunicación que, unha vez coñecidas as sancións a Natxo González, Borja Valle e Pablo Marí, agora "hai que estar tranquilos. Ao noso que é xogar ao fútbol. Se facemos as cousas como as estamos facendo imos estar tranquilos. E iso é o que temos que pensar".

O dianteiro valisoletano recoñece estar "amolados. Pero nós temos que facernos fortes, loitar contra todo tipo de adversidades. Facendo o noso fútbol, coa nosa forma de traballar, imos conseguir os partidos".

Asume que "todos temos a nosa culpa. Mirar o noso embiguiño. O resto dános igual. Traballar aquí durante a semana e o sábado gañar 3 puntos contra o Reus".

A nivel persoal, valora o feito por exemplo de recibir este premio Estrella Galicia como "pequenos detalles que son bonitos, o importante é o colectivo. Estou aquí para sumar. Outro día tocaralle a outro compañeiro que estará capacitado para conseguilo tamén".

Contento co seu gol en Córdoba do pasado sábado, laméntase de que non valese para sumar 3 puntos. "Polo menos non se perdeu. O equipo non estivo como outras veces, pero tivemos 3 ou 4 ocasións claras. Se cada vez que estamos mal imos ter 3 ou 4 ocasións, pois cando esteamos ben, teremos moitas máis seguro", engadiu.

Do encontro deste sábado 27 de outubro ante o CF Reus en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), Quique González define ao cadro catalán como un equipo "moi alegre, que xoga moi ben ao fútbol. Hai que respectar a todos os rivais por igual. Como non loites, como non compitas como o resto, píntache a cara calquera equipo en calquera sitio".

Por iso, o dianteiro branquiazul pide "ir ao noso, facer o noso fútbol. E a xerar ocasións que é o que faite meter goles".

Advirte que o Deportivo "ten que estar preparado para todo tipo de circunstancias. Nun partido hai mini partidos. Hai que estar preparados para todo. Esperemos facer un gol canto antes para estar máis tranquilos, dentro da dificultade que terá o partido. Hai que adaptarse a todo".

E apostila que "se nos poñemos por diante, tentar meter o segundo. Cando fas o segundo, fas o terceiro. Pero hai un rival que xoga, que se xoga moito tamén".

Finalmente, afirma que toca gozar de ABANCA-RIAZOR: "Persoalmente son os meus primeiros partidos aquí. É un auténtico pracer xogar aquí".