RCD / NOVAS

Rafa de Vicente cre que o partido do domingo "por institución, por club, por historia vai ser de dúas categorías por riba"

20/10/2021 17:39

Rafa de Vicente, ex xogador do Real Racing Club, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo na semana do seu regreso co Deportivo a El Sardinero.

O centrocampista branquiazul recoñece que o do domingo 24 de outubro ás 12:00 (Footters) é un partido "moi especial porque sempre é bonito volver enfrontarche aos equipos cos que xogaches, cos que vestiches a súa camiseta. Volver a Santander e xogar en El Sardinero sempre é especial e para min moito porque os momentos que vivín alí son inesquecibles".

Do seu paso polo club cántabro, no que conseguiu un ascenso a Segunda División aínda que logo non lle serviu para quedar no cadro verdibranco, conta que "vivín un ano moi bonito, tivemos un ascenso que quedará para o recordo de todos nós. Ao final (sobre a súa saída) son decisións a nivel de Club e a ti simplemente tócache respectalas, seguir o teu camiño por outra banda e tentar repetir este ano (no Dépor) ese ascenso e quedarme por fin no fútbol profesional".

Advirte que no Racing "non queda ningún xogador. Bueno, está Íñigo e algúns máis que subiron do filial pero o equipo cambiou practicamente ao completo. Sempre vai ser un dos favoritos para estar arriba e evidentemente por institución, por historia, polos xogadores é un dos rivais directos que imos ter arriba na táboa. Por iso o partido é importante, como todos os de atrás e como todos os que veñen diante, pero é un partido importante e moi bonito, sobre todo".

De feito, comenta que se trata de "un partido entre dous equipos históricos, pero de Primeira División. A categoría é a que temos e é a que manda, pero por institución, por club, por historia vai ser un partido de dúas categorías por riba. Ademais, xogar tamén nun campo como El Sardinero, outro deses campos históricos onde todo o mundo quere xogar, pois... Vai ser un partido moi intenso porque van apertar moito a afección, os xogadores; e aparte bonito polo ambiente, polo que vai haber na bancada e polo que nos estamos xogando no campo. Ímolo a gozar tanto os xogadores como os afeccionados".

Cre que o partido do regreso do Dépor ao camiño das vitorias foi o do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante a UD San Sebastián de los Reyes, que "era o que estabamos a buscar e para o que traballamos toda a semana. Aquí o máis importante é ter unha continuidade e ser capaz de ir sumando todos os domingos".

Aínda que a estas alturas da temporada non lle concede especial importancia a alcanzar o liderado do grupo en Primera RFEF, a dous puntos e en poder de Unionistas de Salamanca CF, "se podemos estar primeiros, mellor que ser segundos, para que imos a andar con bobadas. Pero aínda queda moito. Temos que ir marcando os nosos obxectivos semanais e tentar conseguir todos os puntos posibles. Aí témolo, a dous puntos, estivemos tamén primeiros nas primeiras xornadas. Aínda queda practicamente toda a temporada, pero o importante é sumar todos os puntos posibles e seguir estando arriba, que cando chegue maio esteamos nós arriba, no primeiro posto".

Finalmente, Rafa de Vicente confirmou que "imos ir uns cantos" a ABANCA-RIAZOR esta noite (20:00 horas) ao partido do Xuvenil A da UEFA Youth League: "Vai ser un partido no que terán que saír desde primeira hora a morder, a tentar facer gol nos primeiros minutos e que se lles caia o estadio encima. Imos confiar nos rapaces, imos apoiarlles esta tarde e oxalá que poidan pasar a eliminatoria", apunta.

Máis novas de: RAFA DE VICENTE