RCD / NOVAS

#ANosaHistoria: Riazor cumpre hoxe 1.500 partidos oficiais do Dépor

12/03/2017 12:00

O Deportivo disputa esta tarde o seu partido oficial número 1.500 no Estadio de Riazor, recinto no que xogou por primeira vez hai 72 anos, 4 meses e 14 días.

O equipo branquiazul despediuse do vello Parque de Riazor, no que xogaba desde 1909 e que se atopaba no solar veciño que hoxe ocupa o colexio das Escravas, o 8 de outubro de 1944, cando se mediu ao Real Madrid (2-2) en partido do campionato de Primeira División.

Tres semanas despois, o 29 de outubro de 1944, o Deportivo disputou o seu primeiro partido oficial no novo Estadio de Riazor, xa na súa localización actual. Foi ante a Valencia, que levou a vitoria por 2-3, tamén en partido ligueiro da división de honra.

Desde entón, en Riazor disputáronse partidos de todas as categorías nacionais. Desde Primeira División (717 co de hoxe) ata Terceira (19), pasando por Segunda (515) e Segunda B (19), así como os 8 choques correspondentes ás 4 promocións que disputou o Deportivo ao longo da súa historia: a liguiña da campaña 1952-1953 e as eliminatorias ante Levante (1963), Tenerife (1990) e Betis (1992).

Cos encontros desta temporada fronte a Betis e Alavés, o Deportivo disputou 156 choques de Copa do Rei no seu estadio. As tres edicións da Supercopa de España nas que participou o equipo herculino igualmente tiveron un dos seus partidos no coliseo coruñés. Riazor tamén viviu encontros dos tres principais torneos continentais: Liga de Campións (31), Copa da Uefa (16) e Recopa de Europa (4).

Dúas competicións desaparecidas a día de hoxe, como a Copa da liga de Segunda División (7) e a Copa Intertoto (5) igualmente pasaron polo recinto coruñés, para completar os 1.500 encontros que se alcanzan esta tarde.

Deste case milleiro e medio de partidos, o Deportivo gañou 893 (59,6%), empatou 346 (23,1%) e perdeu 260 (17,3%). O balance goleador é de 2.759 tantos a favor e 1.347 en contra.

Na lista, loxicamente, non se inclúen os dous encontros que, desde 1944, o Deportivo tivo que xogar como local fóra de Riazor por sanción, o 21 de xuño de 1987 en Lugo fronte ao Castellón (playoff de Segunda División) e o 16 de febreiro de 1997 en Santiago ante o Atlético de Madrid (Primeira División).

Ademais das competicións oficiais, o Deportivo disputou case un centenar de partidos nos trofeos Teresa Herrera (63), Juan Acuña (17) e Conde de Fenosa (12), así como centos de encontros amigables, algúns históricos como ante San Lorenzo de Almagro en 1947, Newell's Old Boys en 1950, Vasco da Gama en 1955, Inter de Milán en 1966, a selección polaca en 1976, a peruana en 1982, Milan en 1992 ou un combinado da Costa da Morte en 2002 coa recadación a beneficio das vítimas do accidente do Prestige.

Este é o balance de partidos oficiais do Deportivo no Estadio de Riazor (1944-2017) por competición: