RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Roberto Olabe, novo xogador do Dépor 22-23

Roberto Olabe del Arco (Salamanca, 5 de maio de 1996) converteuse en novo xogador do RC Deportivo para as dúas próximas temporadas.

Criado nas categorías inferiores da Real Sociedad, desde onde chegou á selección española sub-17 coa que foi 3 veces internacional en 2012, o centrocampista castelán de nacemento pero vasco de sangue e formación procede do AD Alcorcón.

Olabe debutou en Segunda B co filial donostiarra en 2015, antes de fichar polo Villarreal CF en xaneiro de 2016, para incorporarse ao seu equipo C. Á conclusión daquel curso 2015-2016, o novo xogador deportivista fichou polo Atlético de Madrid, club ao que pertenceu tres temporadas (2016-2019).

Na primeira delas, Olabe formou no filial que logrou o ascenso a Segunda B e debutou co primeiro equipo colchoneiro, en partido de Copa do Rei fronte ao CD Guijuelo. Na segunda converteuse en peza crave do Atlético B na categoría de bronce, xogando 25 partidos (24 como titular) e marcando 1 gol. Na terceira, foi cedido ao Extremadura UD, co que completou a primeira campaña da súa carreira en Segunda División, participando en 33 encontros (29 como titular) e anotando 1 tanto, precisamente en ABANCA-RIAZOR fronte ao Dépor.

Olabe asinou por catro temporadas coa SD Eibar no verán de 2019. A súa primeira campaña pasouna cedido primeiro no Albacete Balompé e despois, de novo, no Extremadura UD, ambos na categoría de prata, na que totalizou 26 partidos (19 de titular).

A campaña 2020-21 comezouna no conxunto armeiro, en Primeira División, pero unicamente participou en 2 encontros de Copa do Rei. En xaneiro de 2021 foi cedido ao CD Tondela, co que disputou 17 partidos (13 como titular) na máxima categoría portuguesa.

Olabe regresou á SD Eibar ao comezo do curso 2021-22. Despois de xogar 1 partido de Segunda División e 2 de Copa do Rei, rescindiu o seu contrato co cadro azulgrana para incorporarse no mercado de inverno ao AD Alcorcón, co que sumou 15 aparicións (13 como titular) en Segunda División.

Ademais dos 17 partidos na Primeira Liga portuguesa, Olabe acumula 75 encontros e 1 gol en Segunda División e 30 choques e 2 goles en Segunda División B.