RCD / NOVAS

Romanía confirma a convocatoria de Andone e Pantilimon

01/11/2017 19:23

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía, neste mes de novembro.

Os encontros serán ante Turquía na cidade romanesa de Cluj o xoves 9 de novembro, e o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda.

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

Ambos os xogadores incorporaranse á concentración do seu equipo nacional o domingo 5 de novembro, unha vez que o Dépor disputase o seu partido ligueiro o sábado 4, no Estadio ABANCA-RIAZOR, ante o Atlético de Madrid (16:15, Bein Sports).

Nixeria cita por primeira vez ao meta Francis Uzoho

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Francis, que debutou en LaLiga Santander en Eibar e repetiu titularidade en casa ante o Girona, foi convocado pola Federación de Nixeria para os partidos ante Alxeria e Arxentina, os días 10 e 14 de novembro, respectivamente.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

O porteiro branquiazul deberá presentarse na concentración nixeriana, en Marrocos, o luns 6 de novembro, após a fin de semana no que o Fabril fará o propio coa Gimnástica Segoviana.

O fabrilista Ismael Díaz, coa selección Panameña

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para os dous partidos que disputará o conxunto centroamericano ante Irán e Gales, os días 9 e 14 de novembro.

Ambos os encontros son preparatorios para o Mundial de Rusia 2018 e o xogador deberá incorporarse á concentración en Austria após completar o seu compromiso deste domingo 5 de novembro ás 12:00 fronte á Gimnástica Segoviana en Abegondo.

España será un dos rivais de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.

O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio da Rosaleda de Málaga ante España.

E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, en Budapest.

O mediocentro branquiazul, un dos fixos para o seu seleccionador nacional, terá que incorporarse á concentración de Costa Rica o luns 6 de novembro.

Dous partidos amigables para Fede Valverde e Uruguai, ambos en Europa

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrarase un longo desprazamento a Sudamérica neste próximo parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).

O centrocampista branquiazul terá que incorporarse á concentración uruguaia en Varsovia o luns 6 de novembro, dous días despois de que o Dépor reciba no Estadio ABANCA-RIAZOR ao Atlético de Madrid.

Máis novas de: ANDONE, PANTILIMON, FEDE VALVERDE, BORGES