RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Roscón de Reyes sen agasallo (0-0)

O Deportivo deixou escapar dous puntos de ABANCA-RIAZOR no partido do Día de Reyes fronte a un CD Lugo que acabou o partido con 9 homes polas expulsións de José Carlos e Dongou.

O técnico branquiazul, Natxo González, recuperou o esquema habitual con catro defensas e realizou catro cambios no once con respecto ao que perdeu no Ramón de Carranza no último encontro de 2018. Saúl supliu a Diego Caballo no lateral esquerdo, Michael Krohn-Dehli entrou por Vicente Gómez na medular, Carlos Fernández ocupou a posición de Quique González na dianteira e Carles Gil volveu ao equipo na mediapunta, sendo Michele Somma o central que caeu do once.

O primeiro disparo a portería do partido chegou no minuto 16, nun dobre lanzamento lonxano de Cristian Herrera. O primeiro rexeitouno Pablo Marí. O segundo, atallouno sen problemas Dani Giménez.

Até entón, o encontro discorrera con maior control da posesión por parte do Dépor, que merodeou os dominios de Juan Carlos en varias accións, a máis clara nun centro de Saúl que tentou rematar de cabeza Carlos Fernández, que non foi capaz de impactar de cheo co esférico e peiteou a pelota.

O propio Carlos Fernández protagonizou a primeira oportunidade do Dépor. O dianteiro andaluz apurou a liña de fondo, cedeu cara atrás para Carles Gil e este fixo o propio cara a Edu Expósito. O catalán perfilouse para disparar co seu pé dereito, pero o seu remate saíu excesivamente centrado. Juan Carlos detivo o coiro con facilidade. Corría o minuto 21.

No minuto 34, Carles Gil atopouse co pau, após unha fenomenal manobra dentro da área. O valenciano controlou maxistralmente unha deixada de cabeza de Krohn-Dehli e disparou coa zurda cara ao poste máis próximo. O balón estrelouse na madeira e, de volta, golpeou no corpo de Juan Carlos, que estivo rápido e veloz para evitar que atravesase a liña de gol.

Ao fío do descanso, David Simón puxo un centro raso envelenado que Juan Carlos acertou a despexar coa súa bota dereita. A pelota rebotou nun defensa lucense e trala carambola acabou en mans do gardameta.

Aos 20 segundos de comezar a segunda metade, Juan Carlos evitou o primeiro gol do partido, cunha gran estirada a remate de Borja Valle. O rexeite caeu a Carlos Fernández para remachar a porta baleira, pero a xogada estaba anulada por fóra de xogo e, encima, o dianteiro estrelaba o coiro no poste esquerdo do portal lucense.

No minuto 53, de novo Carles Gil gozou dunha estupenda ocasión, trala mellor acción de ataque combinativo do Dépor. Krohn-Dehli lanzou en profundidade pola esquerda a Saúl, que deixou un fenomenal centro atrás para a chegada do mediapunta. A perna cambiada, Carles Gil non puido impactar de cheo co esférico, que se perdeu á esquerda da meta visitante, moi preto do pau.

Á hora de xogo, Borja Valle dispuxo dun claro contragolpe. Após recortar a José Carlos dentro da área, puxo un balón coa esquerda que nin atopou portería nin rematador.

No minuto 65, ABANCA-RIAZOR ovacionou a Carlos Pita, coruñés e canteirán deportivista, após ingresar ao campo en lugar de Cristian Herrera. E asistiu a un lonxanísimo remate de volea de Kravets que atrapou con moitos apuros Dani Giménez.

O partido deu un xiro importante a 20 minutos da conclusión, cando José Carlos viu a segunda cartolina amarela, deixando ao Lugo con dez homes. Nada máis renovarse o xogo, Fede Cartabia dispuxo dunha clarísima ocasión, após un pase en profundidade de David Simón que Carlos Fernández deixou de calcaño cara atrás para a chegada do arxentino. O seu remate franco íase moi desviado pero acabou en saque de esquina ao rexeitar un defensa lucense.

David Simón tivo nas súas botas o gol no minuto 75, ao cazar unha violenta volea na esquina da área pequena. Juan Carlos desviou o xusto a córner un balón que ía directo a portería á altura da súa faciana, nun alarde de reflexos.

Juan Carlos de novo apareceu para afogar o berro de gol, nunha cabezada de socato de Carlos Fernández a centro de Diego Caballo. O porteiro visitante novamente mostrou uns reflexos felinos para rexeitar a pelota a saque de esquina.

Superado o minuto 90, Dongou viu dous cartóns de maneira consecutiva, un por falta e outro por perder tempo, así que o Lugo afrontou o tempo engadido con só 9 homes sobre o terreo de xogo.

As constantes perdas de tempo do cadro branquivermello impediron que apenas se puidese xogar, aínda que o colexiado acabou engadindo un minuto e medio máis aos 4 que sinalara nun principio.

Despois deste empate, no primeiro encontro en casa da temporada no que o Dépor non ve portería, os branquiazuis suman 36 puntos, a só 3 do líder, o Granada CF.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl (Diego Caballo, min. 87), Edu Expósito, Álex Bergantiños (Quique, min. 79), Michael Krohn-Dehli, Carles Gil (Fede Cartabia, min. 63), Borja Valle e Carlos Fernández.

CD Lugo: Juan Carlos, Campabadal, Bernardo Cruz, José Carlos, Kravets, Iriome, Seoane, Azeez, Campillo (Sergio Gil, min. 78), Escriche (Dongou, min. 82) e Cristian Herrera (Pita, min. 65).

Árbitro: Ávalos Barrera (c. catalán). Expulsou a José Carlos (min. 69) e Dongou (min. 90+1), ambos por dobre amoestación. Cartón amarelo a Cristian Herrera (min. 35), José Carlos (min. 37), Saúl (min. 40), Seoane (min. 52), Álex Bergantiños (min. 63), Pita (min. 68), Dongou (min. 90), Domingos Duarte (min. 90), Dongou (min. 90+1), Juan Carlos (min. 90+2) e Kravets (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 21.687 espectadores.