RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera: "Agora é cando se ven os verdadeiros equipos e as verdadeiras familias"

Rubén de la Barrera manifestou ao concluír o encontro no campo de O Vao que "comezamos cun erro na saída de balón. Aos poucos fomos capaces de levar a cabo o que pretendiamos. Tivemos a ocasión de Lara e despois ocorreu algo que non pode suceder nunca: conceder un gol a balón parado e un segundo que veu precedido dun saque de banda e no que estivemos desactivados. A primeira parte reflectiu algo complicado para o segundo tempo. No descanso tentamos darlle a volta á situación introducindo cambios, un funcionamento diferente. Envorcamos o partido a campo deles, un equipo que sabiamos que ía estar repregado. Puidemos crear situacións de aproximación e nos últimos 10,12 minutos concentráronse ocasións para meternos no partido".

Explica que cos catro cambios no descanso "tentamos buscar solucións. O que queriamos era que Raí tivese a un compañeiro máis próximo como Diego Villares. Con Rayco queriamos evitar que eles saltasen para que Héctor puidese ter situacións cómodas para xogar e para centrar á área. E coa entrada de Miku buscaba gañar en presenza, situándoo nese perfil dereito para que se puidese beneficiar de todo o que ocorrese pola esquerda".

O técnico deportivista subliña que "xusto antes do primeiro gol do Coruxo o equipo estaba ben. O gol chegou cando mellor estabamos. O resultado é duro e é consecuencia do que non fixemos na primeira parte. Na segunda metade introducimos cambios, novidades, tentando outorgarlle frescura e máis chegada ao equipo. Achegarnos á posición de Miku para xerar situacións de vantaxe ao redor da área. E non foi suficiente".

Admite que "clasificatoriamente é unha realidade" que o Dépor está peor e, sobre o ánimo do equipo, "aquí hai dúas opcións: non asumir responsabilidades e cortarse as veas; ou o que toca, que é a única solución, é desde mañá preparar o partido do Guijuelo. Quedan cinco partidos, quince puntos. Está complicado, esa é a realidade".

Conclúe Rubén de la Barrera que "non tiramos a temporada. Agora é cando ven os verdadeiros equipos e as verdadeiras familias. Isto ten que ocorrer e reverter esta situación que non é boa".

Máis que falar de obxectivos como o ascenso ou a clasificación para a Primeira División da Federación, quixo centrarse no inmediato: "Agora mesmo o que temos que pensar é en gañar o partido próximo contra o Guijuelo. É o que temos que pensar. A partir de aí o noso rendemento dirá se nos merecemos unhas cousas ou outras. O único que ten que aparecer nas cabezas da xente é a palabra Guijuelo, seguir adestrando aínda máis e mellor; e chegar o domingo e gañarlle ao Guijuelo. Non hai máis".

Nesta liña, apunta que "se nos cinguimos aos números hai tempo de quedar entre o tres primeiros. Son quince puntos e enfrontámonos a equipos que van pelexar co mesmo. Son tres puntos que nos teñen que facer romper esta dinámica, que para nada é boa; e achegar a gañar os seguintes porque agora mesmo temos que gañar o cinco partidos que quedan".

Desvelou unha charla nada máis finalizar o partido no vestiario de O Vao: "Unha cousa é falar e podemos falar de mil millóns de temas. Agora o que toca é facer. Non vale con acumular minutos ou esas famosas sensacións. Cada segundo tes que importe ao rival, apertalo, empuxalo. No momento que iso non está a suceder, os resultados non son favorables".

Por este motivo, o adestrador branquiazul avisa que "o partido do domingo témolo que gañar si ou si. Hai que preparalo ben e hai que ser moito mellores do que o estamos facendo. Se pretendemos facer as cousas como as estamos facendo, o resultado non nos está dando a razón. Estamos obrigados a dar un paso máis e a modificar certas cousas para que o partido do domingo sexa por fin ese primeiro partido. O equipo necesita ademais esa primeira vitoria que o empuxe".