RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera: "Somos o Dépor e hai que ir a Barreiro con toda a humildade e ambición do mundo"

Rubén de la Barrera subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "temos a obrigación de chegar ao último partido do Zamora cos tres puntos de Vigo. A partir do que ocorra e do que suceda noutros campos veremos para que imos ter que gañar o último día. O importante é o domingo e vir de Vigo con tres puntos".

O técnico coruñés admite que xogar ante o RC Celta B este domingo 14 de marzo no campo de Barreiro (11:30, TVG) "representa unha realidade que hai que aceptar e asumir. A ninguén lle gusta afrontar este tipo de situacións ou imaxinalas. O que importa é asumir esta realidade. Esta temporada tes que enfrontarche ao Celta B e con toda a humildade do mundo hai que ir alí, merecer máis que eles e gañar o partido".

Do Celta B comenta que "ten un potencial individual importante, xente con participación no primeiro equipo, xente que está a un paso de poder ser parte da elite no Celta ou noutro club, xente con enerxía. Tampouco podemos obviar que é un equipo que está a facer ben as cousas e está aí. Isto é así. Non nos pode doer. É unha situación que temos que aceptar. ¿Como o afrontamos? Como cada partido, vendo de que maneira podemos facerlle dano e vendo que temos que facer para evitar que eles nolo fagan a nós. Eles teñen bos xogadores e nós temos bos xogadores tamén. Somos o Dépor e hai que ir alí con toda a humildade e ambición do mundo porque nos temos que traer tres puntos de Barreiro si ou si".

Lembra que os célticos son xogadores "profundos, verticais, rápidos. Son capaces de transitar moi rápido en situacións de recuperación e incorporar moita xente diante. En situacións máis posicionais teñen capacidade coa pelota. Pero tamén hai certas cousas que temos que incidir para facerlles dano. Hai que xogar para ser mellores que eles e para impoñer o que queremos impoñer".

Finalmente, cre que é "importante" o horario unificado na última xornada de liga, teoricamente a próxima fin de semana, "e que todo o mundo saiba e parta dunha situación clasificatoria clara e concreta. Chove sobre mollado".